A CIG recorrerá o ERE presentado por Mans Galegas para despedir a 13 das súas 31 traballadoras

A empresa debe a todo o persoal os salarios dende o mes de decembro
Cee - 01 Mar 2019

A CIG vai presentar recurso contra o expediente de extinción de emprego que a empresa téxtil Mans Galegas vai aplicar para despedir a 13 das súas 30 traballadoras. Así mesmo, xa están presentadas as correspondentes demandas por impagamento, xa que a empresa ten pendente de abonar os salarios a todas traballadoras dende o mes de decembro.

A central sindical denuncia que durante a negociación do ERE a compañía foi incapaz de demostrar a existencia de causas obxectivas que xustifiquen unha medida deste calado. É máis, Mans Galegas (un dos últimos talleres de confección que quedan na Costa da Morte) traballa para o Grupo Inditex, que nestes momentos lle sigue a subministrar carga de traballo suficiente como para manter a actividade.

A CIG entende que o verdadeiro motivo que levou a dirección da empresa a presentar este ERE non é outro que prescindir das traballadoras que se atopan de baixa médica e de dúas das tres delegadas de persoal. Cómpre sinalar que, dende as eleccións sindicais celebradas en decembro, a CIG ten a representación social e dende o primeiro momento as delegadas reivindicaron unha mellor nas condicións laborais neste taller.

A propia Inspección detectou irregularidades no ERE

En canto á negociación do ERE, a representación sindical sempre se mantivo unha actitude positiva e dialogante para intentar chegar a un entendemento e buscar alternativas ao despedimento colectivo.

A CIG entende que o motivo deste ERE non é outro que prescindir das traballadoras que están de baixa e de dúas das tres delegadas de persoal

A propia Inspección de Traballo transmitiulle á empresa un posicionamento similar ao da CIG, ao entender que o ERE está mal formulado e cheo de irregularidades, pero non contempla ningunha alternativa (como xubilacións ou unha suspensión temporal dos contratos), nin tampouco conta cun plan de viabilidade para salvar a empresa.

Ademais, xunto co ERE, Mans Galegas presentou preconcurso de acredores no Xulgado do Mercantil, ameazando con solicitar concurso definitivo con proposta de liquidación da empresa, co único obxectivo de amedrentar as traballadoras para que aceptaran o despedimento colectivo.

Impago de salarios dende decembro

Como castigo e presión para acadar o obxectivo despedir as traballadoras de baixa, a empresa non está abonando os salarios desde o mes de decembro ao conxunto do persoal, polo que a CIG ten xa presentadas as correspondentes demandas tanto contra Mans Galegas, como subsidiariamente a empresa Zintura, por ser a distribuidora da carga de traballo.

Por ultimo, apuntar que a negociación do expediente xa está rematada e que asesoría xurídica da CIG presentará o recurso e a demanda de despedimento colectivo, que xa é efectivo desde este venres, 1 de marzo. Así mesmo, a CIG non descarta convocar mobilizacións antes do 20 de marzo, data na que se celebrará o acto de conciliación no SMAC polas reclamacións dos salarios adebedados.