A CIG recorrerá os servizos mínimos da folga do servizo de atención no fogar de Chantada por abusivos

A central convoca concentración o luns 28, ás 14 horas
Chantada - 25 Out 2019

A CIG convoca unha concentración para o próximo luns, 28 de outubro, ás 14.00 horas, diante do Concello de Chantada, para protestar contra a privatización do servizo de axuda no fogar, até agora público, que pretende levar adiante do Goberno municipal.

Este venres foi entregado ao comité de folga  o decreto de servizos mínimos feito polo Concello, que acadan o 95% da actividade, "polo que consideramos que son totalmente abusivos e dende a central sindical imos recorrelos xudicialmente. Entendemos que con este decreto o Goberno municipal está conculcando o dereito fundamental das traballadoras a facer folga", explica Xosé Manoel Silva, da CIG-Monforte.

Así mesmo, anima a todas as veciñas e veciños de Chantada a defender un servizo público e de calidade e a acudir o luns á concentración, "xa que a maioría das traballadoras non o van a poder facer".