A CIG reforza a maioría absoluta nos comités de empresa de Seaga

A central logrou cinco delegados/as máis con respecto ao anterior proceso de eleccións sindicais
Nacional - 01 Ago 2018

A federación de Servizos da CIG reforzou a maioría absoluta que ostenta nos comités de empresa de Seaga das catro provincias galegas ao incrementar a súa representación en cinco delegados/as. A central pasou dos 22 representantes obtidos nas anteriores eleccións sindicais aos 27 que logrou no proceso celebrado no día de onte.

Tras as votacións a CIG sitúase de novo como a forza sindical con máis delegados/as nos catro comités de empresa, cun total de 27, fronte aos oito de CCOO e ao único representante da UGT. O CSIF perde o delegado/a que lograra nas anteriores eleccións.

Por provincias, a central obtivo sete delegados/as no comité da Coruña (os dous restantes foron para CCOO); outros/as sete no de Lugo (CCOO sumou un e UGT outro/a); seis no de Ourense (os tres restantes foron para CCOO); e sete no de Pontevedra (CCOO fíxose cos outros dous).

Deste xeito, a CIG aumentou a súa representación en tres dos catro comités (pasando de cinco a sete nos da Coruña e Lugo e de seis a sete no de Pontevedra), mentres que no de Ourense mantivo a que obtivera nas pasadas eleccións (sete delegados/as).

Próximas reivindicacións

Dende a federación de Servizos valoran moi positivamente os resultados obtidos e agradecen o apoio colleitado entre o persoal da empresa pública, ao tempo que consideran que esta maioría vai permitir encarar as vindeiras reivindicacións do colectivo nunha posición de forza.

En concreto, a reclamación para que a Xunta modifique o Decreto de 2006 que regula as listas de contratación pública, xa que non recoñece o tempo traballado en Seaga. Isto suporá un agravio para o persoal da empresa que se queira presentar ao proceso mediante o que a Administración pública escollerá os 500 efectivos que participarán no servizo de extinción de incendios xa que a partir do ano que vén o persoal de Seaga xa non traballará neste servizo por decisión da Xunta.

Segundo denuncian dende a CIG, a consecuencia desta situación perderase o 90% do operativo de Seaga, un operativo “profesionalizado e con experiencia” que será substituído por persoal sen a formación axeitada para a loita contra o lume. Diante disto, a central mantivo xuntanzas coa Administración para solicitarlle que modifique o Decreto de xeito que puntúe o tempo traballado en Seaga, “pero aínda non nos contestaron”.