A CIG urxe os gobernos a concretar as solucións industriais para as fábricas da Coruña e Avilés

As medidas para garantir actividade e empregos non están nos xulgados, senón na intervención pública
A Coruña - 29 Xul 2021

A CIG reiterou, no marco da reunión que esta tarde mantiveron representantes do comité de Alu Ibérica da Coruña coa ministra Reyes Maroto, que cómpren decisións políticas para materializar a intervención pública das plantas de aluminio da Coruña e Avilés, pois este é o único camiño para garantir realmente a continuidade industrial e os postos de traballo.

As últimas resolucións xudiciais demostran a enorme fraude e o engano que significou a operación de venda que no seu momento fixo Alcoa ao fondo de investimentos Parter Capital e que contou coa aprobación e o aval do Goberno español, mais tamén do Goberno da Xunta de Galiza.

Pero, como a CIG leva meses advertindo, a solución definitiva para estas fábricas non está nos xulgados. O que cómpre son decisións dos Gobernos que dean unha solución industrial que permita o rearranque das cubas e, polo tanto, retomar a actividade produtiva e garantir o mantemento de todos os postos de traballo.

A solución pasa pola intervención

A central recoñece a situación complexa da Coruña e Avilés, polo que chama a aproveitar o nomeamento da administración xudicial para avanzar nas medidas de continuidade industrial e de mantemento do emprego, impedindo así que esta nova fase supoña a liquidación definitiva das fábricas. Ante esta posibilidade, urximos o Goberno español, e tamén o galego, a que concreten e anuncien xa que solucións industriais teñen para estas dúas plantas.

Para a CIG a acumulación de resolucións xudiciais ratifica a fraude de todo este proceso, pero esas resolucións por si propias non van achegar unha saída de futuro. A solución pasa, e xa o dixemos un cento de veces, pola intervención pública e despois, con tranquilidade, buscar un novo grupo que adquira as instalacións con todas as garantías de solvencia e viabilidade.

O exemplo de Portovesme

Neste senso, valoramos que, máis ca nunca, ante o que está a suceder na Coruña e Avilés, o caso da planta de Portovesme resulta o exemplo a seguir: pechada por Alcoa, hoxe está plenamente operativa tras buscárselle un grupo comprador a través dunha empresa sector público italiano, similar á SEPI. Portovesme non só evidencia que a intervención pública é posíbel e viábel, senón que tamén é legal e está dentro do marco da normativa europea.

E así se recolle no informe xurídico que a CIG solicitou á Universidade da Coruña no ano 2019 sobre a posibilidade e as modalidades da adquisición pública das fábricas de aluminio primario de Galiza e que foi completado e actualizado en xullo de 2020 ante o incumprimento das condicións de venda das factorías da Coruña e Avilés e os cambios na UE a raíz da crise sanitaria da Covid19.