A CIG demanda á Deputación de Lugo que integre o persoal de mantemento das áreas verdes

Están nunha situación de inseguridade tras anular o xulgado a encomenda do servizo a Tragsa
Lugo - 11 Abr 2022

A CIG de Lugo-A Mariña reitera á demanda á Deputación de Lugo para que integre no seu cadro de persoal aos sete traballadores e traballadoras do mantemento de áreas verdes. Unha demanda que reviste maior urxencia tras coñecer a sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo nº1 da cidade, que declara nula a entrada da Deputación no accionariado de Tragsa polo que, en consecuencia, tamén sería nula a encomenda de xestión mediante a que a administración provincial delegou o mantemento das zonas verdes a esta empresa.

A CIG sempre defendeu que os traballadores e traballadoras  deste servizo xa deberan ser subrogados á propia Deputación cando se produciu a disolución de Suplusa, “e entendemos que despois da situación de incerteza e inseguridade xurídica que esta sentenza xera era o momento propicio para que desde a Deputación se adoptara a medida de integrar a estes traballadores e traballadoras no cadro de persoal do ente provincial”, subliña Lois Neto, secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña.

Cómpre lembrar que este grupo de persoas, todos xardineiros e xardineiras, foron as únicas que despois de estar en organismos públicos da Deputación, non foron subrogadas pola propia administración, como si pasou co persoal do Inludes, Fundación TIC, e o persoal de oficina da propia Suplusa.

Por iso, para a CIG resulta “absolutamente incomprensíbel e discriminatorio o tratamento da Deputación con estes traballadores/as, pois xa teñen pasado procesos de selección para acceder ás súas prazas e non existe impedimento legal ningún para a súa subrogación. E por riba resulta unha práctica clasista por parte dun goberno progresista, que non tivo problemas para subrogar o persoal administrativo e técnico, pero que se desentendeu do persoal que viste funda de traballo”.

A CIG de Lugo convida o goberno provincial a que, máis alá dos avatares xurídicos e aproveitando esta situación, “recapacite e opte pola subrogación destes traballadores/as á propia Deputación en igualdade de condicións á do resto de persoal das entidades públicas dependentes”. Engade Neto que non se trata dunha decisión técnica nin xurídica, “senón dunha decisión política, polo que nas súas mans está rematar coa discriminación á que levan sometendo a este colectivo desde que se aprobou a disolución de Suplusa”.