A CIG demanda iniciar xa os concursos de transición xusta mantendo a potencia das centrais das Pontes e Meirama

As Pontes/Cerceda - 09 Feb 2024

Na reunión do Comité Executivo de Enerxía deste venres , a CIG reiterou a demanda de que se inicie con urxencia a tramitación dos nós de transición xusta para Meirama e As Pontes, mantendo a capacidade de evacuación asignada ás centrais térmicas; isto é 580MW para o nó de Meirama e 1.469MW para o das Pontes.

Nesta mesa, onde se tratan aspectos técnicos e na que están representadas, entre outras, as organizacións sindicais e empresariais xunto coa Consellaría de Industria, evidenciouse unha vez máis a ausencia de planificación política para garantir unha transición xusta e a reindustrialización das zonas afectadas polos peches das centrais térmicas, fronte á reconversión que estamos a vivir.

O responsábel de Enerxía e representante da CIG no Comité, Fernando Branco, denuncia o descarado uso electoralista que rodea o proceso de transición, a falta de rigor e as promesas propagandísticas en base a datos sen fundamento. Critica os falsos anuncios realizados polo PSdeG en plena campaña sobre os nós de transición xusta, presentando uns datos que entran en clara contradición cos ofrecidos polo MITECO.

A realidade é que do concurso das Pontes nada se sabe e no caso de Meirama (a exposición pública dende o 2 de febreiro) non leva asociado ningún tipo de potencia, "polo que descoñecemos que poxa farán sobre que cantidade de MW", aclara.

Por iso, nesta reunión, a CIG, ao igual que na anterior, reivindicou os dous concursos públicos de transición xusta que lle corresponden a Galiza, coas potencias nominais que ten cada central e con carácter inmediato; e exíxelle á Xunta de Galiza que deixe a inacción, faga súa esta reivindicación e actúe en consecuencia, porque "iso sería transición xusta". Pois, a diferenza dos proxectos de iniciativa privada, estas poxas públicas son garantistas na execución dos plans industriais que levan asociados.

Nesta liña, Branco pediu que por parte do MITECO e REE se aclare a quen se lle concederon os MW de Meirama e As Pontes, a que proxectos, en que territorios e a que empresas. Pediu seriedade no proceso, porque o que está en xogo é o futuro industrial destas comarcas. "Non nos vale o que está facendo o MITECO de sacar a exposición pública o concurso de Meirama sen datos, e non nos vale o silencio sobre o das Pontes, queremos un concurso como o que se fixo en Andorra".

Os proxectos, sen subministro garantido nun país que exporta electricidade

Ademais a CIG lembra que boa parte dos novos proxectos industriais, anunciados a todo bombo polas diferentes administracións, a día de hoxe non teñen capacidade de subministro eléctrico para instalarse. Branco critica a ocultación interesada desta realidade, que agora motiva que se faga a modificación da planificación do transporte enerxético en Galiza. Este modificación contempla a creación dunha serie de subestacións (en Vigo, As Pontes, Cerceda e San Sadurniño) para atender consumos enerxéticos en base aos proxectos que se anuncian.

Porén, estar nesa planificación non é garantía da súa execución e aí está o exemplo da subestación de Vigo que xa estivo en planificacións anteriores. Ademais, advirte o representante da CIG que os prazos que se manexan para a súa posta en funcionamento (ano 2026) son irreais por canto a tramitación complexa e a construción deste tipo de infraestruturas se demora no tempo. "Os prazos que ofrecen son electoralistas, non se axustan á realidade".

Tampouco hai aínda resposta ás alegacións presentadas pola Xunta de Galiza a esta planificación, quedando emprazada a que se contestarán nunha reunión con REE para a semana do 19 de febreiro.

A reste respecto, Branco pon o acento no paradoxo de termos proxectos industriais en risco de materializarse ou demorados no tempo pola falta de subministro eléctrico cando somos un país produtor e exportador de electricidade. O ano pasado Galiza exportou máis do 42% da enerxía producida, "o cal tamén demostra o tipo de deseño que teñen para o noso país".

Finalmente, ligado ao peche das centrais, atópase a reasignación das concesións de auga que, segundo a lexislación, tamén están suxeitas a concurso de transición xusta co obxectivo de adxudicarlle este dereito a posíbeis proxectos industrias que precisen altos consumos de auga. A CIG entende que esta cuestión non se debe tratar no Comité Executivo de Enerxía, senón na Comisión de Política Industria, marco a onde trasladará este tema.