A CIG reitera o rexeitamento ao racismo, á xenofobia e ao fascismo e solidarízase coas lexítimas protestas nos EUA

A central traslada o apoio ás protestas pedindo xustiza polo asasinato de George Floyd e na defensa dos dereitos raciais e civís
Internacional - 03 Xun 2020

Desde a Confederación Intersindical Galega manifestamos a nosa repulsa contra a violencia institucional que a policía dos EUA exerce de xeito sistemático contra cidadáns de raza negra (tamén de orixe latinoamericano) e que, neste caso, quedou documentada visualmente na última vítima, George Floyd, asasinado brutalmente polo policía branco, Derek Chauvin, na cidade de Minneapolis o pasado 25 de maio, así como os últimos asasinatos acontecidos nas posteriores manifestacións de protesta.

Nos Estados Unidos, que a policía asasine a un negro converteuse nalgo alarmantemente cotiá. Desde 2015 até agora, cinco mil cidadáns e cidadás estadounidenses foron asasinados/as pola policía, e a maioría das vítimas son negras ou latinas. A violencia policial é unha das principais causas de morte entre a xente nova de color. O racismo contra a poboación afroestadounidense (o 13% do total da poboación do país) vén sendo unha constante na historia dos EUA, que vai desde a época do escravismo até a actualidade, e xoga un papel importante nas estratexias electorais dos dous grandes partidos que alternan o exercicio do poder.

Un racismo e xenofobia que vai intimamente ligado, obviamente, a unha cuestión de clases sociais, pois condiciona as vidas da xente e marca claramente os niveis de desigualdade e pobreza entre a poboación. Ese racismo, esa xenofobia, cébase principalmente cos sectores máis precarios, máis pobres e desprotexidos.

Xa hai preto de 50 millóns de persoas subsistindo na mendicidade, e esas persoas comezan a incomodarse coa falacia do “desenvolvemento norteamericano”. Por moi alto que poida ser o nivel de “aparente ignorancia” dun pobo, este remata por esgotar nalgún intre a paciencia polo maltrato dos seus gobernantes.

É curioso que, mentres o imperio ianqui pretende impor coercitivamente o seu peculiar modelo de “democracia” ao resto do planeta, con agresións, bloqueos e inxerencias ilegais noutros países (Cuba, Venezuela, Irán, Siria, Nicaragua,…), no seu interior está a padecer as carencias dun estado corrupto, degradado, violento, inxusto e, en definitiva, de nula utilidade para as súas maiorías sociais, que comezan a ver a súa total desprotección diante da pandemia da Covid19 (máis de 100 mil mortes), e a inseguridade diante de quen debería velar polas súas vidas.

Pola contra, atópanse cun presidente que opta por unha resposta ao máis puro estilo Trump, xustificando a violencia policial, chamando a incrementala e criminalizando as protestas e movementos anti-raciais e antifascistas, tachándoos de terroristas. Logo de máis de dous séculos de violacións dos dereitos humanos da cidadanía negra, a resposta de Trump consiste en sacar o exército ás rúas para reprimir a lexitima protesta social.

A economía capitalista do país non foi capaz de producir nin ofertar axeitadamente o que a xente necesita para vivir unha vida decente. O Estado-Nación, o seu sistema de xustiza penal e o seu sistema xurídico son incapaces de garantir a protección dos dereitos e das liberdades.

Mais, nesta ocasión, nin a violencia policial contra as mobilizacións, nin os reiterados toques de queda, nin a criminalización das protestas, parece que vaian calar a toda unha poboación farta e indignada que, cos berros de “I can´t breathe” (non podo respirar), “Without justice is no peace” (sen xustiza non hai paz), ou“Black lives matter” (as vidas das persoas negras importan), está a mobilizarse todos os días e en todas as latitudes do país.

Algúns medios comparan as mobilizacións coas que se produciron hai décadas polo asasinato de Martin Luther King. A cidadanía estadounidense está a protestar contra o “seu” Estado belicista, guerreirista e antidemocrático. A policía non é máis que a materialización inmediata do seu goberno diante da cidadanía. O xigante ianqui está colapsando, as súas elites desprestixiadas, e a súa xente amosa certa desesperación polo medre do sentimento antinorteamericano fóra das súas fronteiras. A súa supremacía no mundo está cuestionada neste intre.

Aínda que, tradicionalmente, a cidadanía norteamericana foi vista como moderada, a dor, a incerteza, a pobreza, a desigualdade e a inxustiza, están a medrar tanto que xa dan resposta ás súas institucións, antes intocábeis, e que agora ven corruptas, racistas e supremacistas. Esta resposta vén como consecuencia da fartura das clases populares, diante dun sistema que non as atende. 

Por todo isto, desde a Confederación Intersindical Galega (CIG), rexeitamos calquera acto de discriminación, violencia e racismo, contra as comunidades negras e latinoamericanas dos EUA, esiximos que os policías implicados se sometan aos procesos legais correspondentes, os seus mandos sexan sancionados, os acontecementos deste suceso e outros similares investigados e as institucións implicadas sometidas ao proceso de rendición de contas correspondente.

E trasladamos todo o noso apoio e solidariedade coa xente que está a esixir xustiza pola morte de George Floyd, e mobilizándose na defensa dos dereitos raciais e civís en xeral, comezando polo dereito á vida, e a que esta se poida desenvolver en condicións dignas. En definitiva, para que todos e todas poidamos “respirar”, como o propio George Floyd reclamaba cando lle estaban a roubar a vida.

 Sen xustiza non pode haber paz!

 A Coruña, a 3 de xuño de 2020

 Dpto. de Relacións Internacionais da CIG