A CIG reitéralle a Alcoa que retire a súa proposta e demanda dos Gobernos unificar actuacións para garantir solucións de futuro
Na reunión da mesa multilateral que tivo lugar esta tarde, a CIG reiteroulle unha vez máis a Alcoa que retire a súa proposta de despedimentos e peche da fábrica de aluminio e aos Gobernos español e galego celeridade na aprobación de medidas para crear unha tarifa industrial competitiva. En calquera caso, a CIG insiste na necesidade de adoptar medidas lexislativas para evitar unha resolución en negativo do conflito, que pasan en primeiro termo pola recuperación a autorización previa dos ERE e pór en marcha os mecanismos para a intervención pública do complexo de San Cibrao.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que os sectores do aluminio e enerxético son estratéxicos para Galiza e que, de existir vontade, pódense atopar solucións para salvar tanto os empregos como para garantir as capacidades produtivas do complexo de San Cibrao. Neste senso, reclamou de Alcoa que aclare se acepta a mesa multilateral como o marco onde traballar na resolución das causas motivan o seu plan de recortes e volveulle solicitar que paralice a súa proposta. "É incompatíbel estar nesta mesa e que Alcoa vaia consumando as fases que pretende levar a cabo con carácter definitivo".
Certezas e un calendario preciso
Por outra banda, Carril demandou dos Gobernos español e galego "certezas e un calendario definitivo, preciso e detallado, do estatuto electrointensivo e das medidas complementarias que permitan crear un marco enerxético competitivo, estábel e predicíbel". E, nesta liña, "que se clarifique dunha vez que prezo final vai ter a enerxía".
En canto á Xunta, o secretario xeral da CIG pediulle ao conselleiro de Industria que indique que medidas concretas e que posibilidade de acción ten no ámbito das súas competencias para evitar esta golpe ao emprego e ao noso tecido produtivo.
"Estamos nun momento complexo, nun momento de unificar actuacións, porque o proceso que temos por diante é difícil e doloroso se non somos capaces de abordar esta situación con altura de miras. A experiencia do que está pasando en Alu Ibérica demostra os errores cometidos, e ensínanos o camiño para que non se precipiten as decisións", subliñou.
De igual xeito, Carril introduciu na reunión a problemática específica do persoal das auxiliares, que non ten vía de expresión na mesa montada por Alcoa e que polo tanto, ten que ser neste marco multilateral onde se resolva. "Porque o impacto no emprego da industria auxiliar non é un dano colateral, é un dano consubstancial".
Ao requirimento da CIG, Alcoa contestou cunha negativa a retirar a súa proposta, indicando que non ve resolución posíbel e rexeitando a venda total ou parcial do complexo como saída factíbel. Diante desta escasa vontade por parte da empresa a buscar solucións de futuro, a CIG insiste na intervención pública como vía para garantir os postos de traballo e a continuidade da produción do aluminio no noso país.