A CIG reivindica o cese inmediato do incremento dos gastos militares para que estes cartos se destinen a medidas de protección social
Nunha primeira valoración, a CIG considera insuficiente o plan de medias anticrise presentado este venres polo Goberno español ao non incluír materias especialmente sensíbeis á alza inflacionista como a cesta da compra e non garantirse sequera a aprobación do decreto que recolle as limitadas propostas sobre vivenda, cando xa supuñan un enorme esforzo económico para amplos sectores da sociedade antes do inicio da actual ofensiva imperialista. “Excluír a alimentación e reducir as medidas sobre vivenda á conxelación dos alugueiros é un atentado contra o pobo e as clases populares”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Reivindica tamén o cese do incremento do gasto militar e que este se destine a garantir os sistema de protección social e os servizos públicos. O secretario xeral da CIG valora que o antibelicismo defendido polo presidente Sánchez non se pode limitar a unha simple consigna, “porque non é críbel se non se traduce nun recorte do gasto en defensa e na saída do Estado español da OTAN. Non se pode berrar ‘Non á guerra’ e facer apoloxía dos exércitos e celebrar o Día das Forzas Armadas con desfiles e chamados ao belicismo, como o que está previsto facer en Vigo o próximo 30 de maio”.
Ademais, atendendo ás competencias que ten o Goberno galego, a CIG esíxelle á Xunta de Galiza que actúe cun plan de choque propio, “deixando xa de facer servilismo ao PP español e seguidismo dos Estados Unidos, abandonando a inacción e a indolencia ante a grave evolución desta situación con todo un conxunto de medidas urxentes como as que a CIG reclama para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da guerra”.
Control público para prezos populares en produtos básicos de alimentación
Para a CIG tamén cómpre implementar mecanismos eficientes de control dos prezos para evitar que a carestía derivada do ataque de EUA e Israel sobre Irán se traduzan nun incremento maior das marxes de beneficios empresariais, mentres a clase traballadora e a maioría social ten serias dificultades para facer fronte a estes gastos. Non se pode repetir unha situación como a acontecida ao inicio da guerra da Ucraína, cos custos de bens e servizos básicos desbocados mentres as grandes compañías enerxéticas e do comercio da alimentación batían, e seguen batendo, recórds de ganancias.
Por iso, a CIG reclama a urxente posta en marcha dun conxunto de medidas que garantan prezos populares en produtos básicos de alimentación (pan, lácteos, ovos, carne, peixe, froita e produtos da horta etc.), “con prezos xustos para quen produce, pero que actúe de forma decidida sobre as empresas que especulan co mercado dos alimentos, de forma especial sobre os grandes operadores do comercio de alimentación”.
Combustíbeis e electricidade: intervención pública nos sectores estratéxicos
No actual contexto, é preciso garantir o acceso aos combustíbeis fixando prezos máximos da gasolina e o diésel tomando como referencia os existentes antes do 28 de febreiro, garantir a mobilidade con medidas de reforzo das liñas e horarios do transporte público, camiñar á gratuidade total nos servizos de proximidade (tanto en tren como en autobús) e ampliar ao 50% os descontos nos desprazamentos de longa distancia.
Carril chama a atención no feito de que a descarbonización da economía e o desenvolvemento de renovábeis “non está sendo xusto nin social nin territorialmente, como tampouco se está poñendo a enerxía ao servizo do pobo nestes proceso, xa que as grandes operadoras do sector enerxético seguen sendo as únicas beneficiadas antes a falta de intervención pública neste sector”.
Fronte a isto, a CIG propón a creación dunha tarifa eléctrica especial cun prezo de referencia determinado polo Estado, garantindo a fixación duns prezos xustos para todo tipo de consumidor (particulares, profesionais e industrias), aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%), e limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema. “Na CIG levamos anos reivindicando a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega atendendo á condición de Galiza como produtora e exportadora de electricidade. Isto permitiríanos rebaixar a factura mensual, cando menos, nun 10%”, subliña Carril.
Neste senso, subliña que a CIG segue a exixir a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.
Cómpre garantir os salarios e conxelar os alugueiros e as hipotecas
Doutra banda, a CIG reclama garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e que o Goberno eleve o Salario Mínimo Interprofesional até os 1.374,74 euros mensuais, acadando así o 60% do salario medio no Estado español, tal e como recomenda a Carta Social Europea e tal e como a central nacionalista propuxo no trámite de consultas do Ministerio. De igual xeito, hai que eliminar o IPREM como indicador de referencia pública e que este pase a ser o SMI e aprobar unha Renda de Inserción Laboral e Social, en substitución do IMV, na contía do salario mínimo.
En cuestión de vivenda, a CIG considera imprescindíbel que, durante os anos 2026 e 2027, se garanta a prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas do alugueiro en todos os conceptos, a conxelación das cláusulas nas hipotecas variábeis e que non se apliquen as subas de xuros. E en paralelo, débese desenvolver un plan de acción urxente para a posta a disposición de todas as vivendas da SAREB e un programa especial de axudas en base a criterios de renda para as unidades familiares con dificultades.
Medidas fiscais
Finalmente, a CIG entende que o Goberno español debe actuar tamén a nivel fiscal en dúas liñas: dunha banda rebaixando o IVE naqueles produtos de primeira necesidade como os alimentos (xa que ademais o sector primario é un dos que máis impacto sufrindo) e incrementalo para os bens suntuarios; e doutra gravando os previsíbeis beneficios extraordinarios da banca, os activos financeiros e o sector enerxético e intensificando a carga impositiva nas transaccións financeiras especulativas, das que se alimenta o capital en tempos de crise.