A CIG responsabiliza directamente o Concello de Santiago da non subrogación do persoal da liña do aeroporto

Atópanse dun día para outro na rúa, despois de máis de 20 anos neste servizo nalgún caso

Compostela -

TRALUSA vén de confirmar, hai escasos minutos, ao persoal de Freire que facía a liña Santiago-aeroporto-Santiago que non será subrogado. A CIG responsabiliza directamente o Goberno municipal compostelán por non ter previsto esta situación malia saber, desde hai meses, que a concesión da Xunta remataba o día 22 de decembro e que esta liña, en concreto, pasaba a ser asumida polo Concello. Denuncia ademais que non se contou en ningún momento co persoal que prestaba o servizo nesa liña, nalgún caso, desde hai máis de 20 anos.

Segundo explica o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, “hai anos que se sabía que esta liña, Santiago-Aeroporto-Santiago, tiña que ser xestionada polo transporte urbano” e “hai meses que se sabía tamén que o 22 de decembro remataban as concesións da Xunta”. Por iso denuncia que “non se fixo nada, ou máis ben non se comunicou nada a mantenta”.

Considera que isto “leva tempo fraguándose” e afirma que “só se comunica desta maneira para non dar opción”. Entende que se fixo o día 21 e sen información algunha, deixando sen marxe ao persoal, que se atopa, dun día para outro, na rúa. Ao seu entender, “o lóxico tería sido colocar enriba da mesa as opcións no mes de setembro e buscar aquela que fora máis favorábel, tendo en conta que a responsabilidade de non ter sacado a concurso o transporte urbano, caducado desde 2015, é unicamente do Concello de Santiago. E que os traballadores estaban nunha lista de subrogación que o concello coñecía pois a pediu a principios de ano”.

Submisión ao Grupo Monbus

Pavón entende que “aquí o que hai é unha submisión absoluta a Raúl López e ao Grupo Monbus”, que se fixo coa hexemonía absoluta do transporte de viaxeiros na comarca de Santiago e Barbanza. “Permíteselles todo e é unha vergoña como desde o concello se mira para outro lado cando se lles informa da existencia de fraude de lei na contratación e na xornada, do pésimo estado dos autobuses ou as instalacións, onde Tralusa fai directamente o que quere con infraestruturas municipais”.

Para a FGAMT-CIG o Concello “non pode desentenderse dun asunto no que ten a responsabilidade única da concesión e, polo tanto, de todos os problemas derivados, neste caso de 11 familias que en vésperas da noiteboa quedan na rúa”.

En total o persoal afectado son 9 condutores, 1 mecánico e 1 xefa de tráfico que contaban coa subrogación porque traballaban para unha concesión e “agora descobren que a súa empresa, Empresa Freire, só busca aforrarse as indemnizacións; a que os tería que contratar, Tralusa, só busca aforrarse os salarios, e o Concello asubía”.

Accións legais e mobilizacións

A CIG anuncia xa accións legais contra as dúas empresas. Adianta que tentará facer entrar en razón ao Concello e que se dean garantías inmediatamente aos traballadores sobre o seu futuro. Se non se resolve garantindo os postos de traballo, asegura que haberá mobilizacións.

Volver