A CIG retoma as mobilizacións en demanda da creación do 4º Xulgado do Social para Lugo

A central cualifica de "parches" e "electoralistas" as medidas de reforzo anunciadas para a provincia

Lugo -

A CIG retomou este martes as mobilizacións para esixir a creación inmediata do 4º Xulgado do Social para Lugo, ante a situación xerada pola negativa do Goberno español a autorizar unha nova sala para a cidade, a pesar de ser esta unha proposta elevada pola comisión mixta formada pola Xunta de Galiza e o TSXG.

Para a CIG esta foi unha decisión totalmente insólita e reclama que de forma urxente se constitúa esta unidade para aliviar o colapso que existe no Social, onde se está fixando datas de xuízos en procesos non urxentes para dentro de dous anos. O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, subliñou que é preciso que a creación do novo órgano se faga xa e que se deixen de adoptar medidas "parche" como a dotación provisional dunha xuíza de reforzo. O colapso

Lembrou que ante o rexeitamento social á decisión do Goberno español de non autorizar o novo xulgado, a alcaldesa de Lugo anunciou -logo dunha reunión co Ministerio-, que se ía contratar persoal funcionario para os xulgados do Social, o que na práctica sería equivalente a crear un novo xulgado. Porén, a realidade é que non se avanzou nada neste aspecto.  Por iso, Niño cualificou este anuncio de "propaganda" con motivo da campaña electoral. "Estas medidas non son máis que cortinas de fume para esconder o maltrato do Goberno cos traballadores e traballadoras de Lugo", aseverou.

Niño lembra que é precisamente a clase traballadora a máis prexudicada polos atrasos na vía do Social, xa que "os traballadores e as traballadoras se ven condenadas a agardar por procesos que se prolongan durante anos para resolver os seus dereitos laborais nos xulgados, mentres a patronal se beneficia desta situación, que lle permite precarizar aínda máis as condicións de traballo".

Fronte a isto, a CIG vai reactivar a campaña iniciada xa en 2015 a prol dun 4º Xulgado do Social para Lugo, pero "con máis intensidade ca nunca, pois estas medidas está a deixar no máis absoluto desamparo aos traballadores e traballadoras da provincia".

Volver