A CIG retoma mobilizacións para esixir a aprobación xa dunha tarifa industrial xusta, estábel e competitiva

Concentrarase o 10 de decembro diante da Delegación do Goberno

Nacional -

O próximo 10 de decembro a CIG ten convocada unha concentración ás 11 horas diante da Delegación do Goberno para reivindicar unha tarifa industrial xusta, estábel e competitiva para a industria electrointensiva. Deste xeito, a central nacionalista dá continuidade ás mobilizacións que vén realizando dende hai un ano en demanda de solucións para reverter a situación agónica do sector, que pon en risco a continuidade de miles de empregos no noso país e compromete a viabilidade produtiva e os investimentos para a modernización deste tipo de fábricas con elevados consumos de enerxía.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica que, ante a celebración, hoxe venres, do segundo Consello de Ministros/as tras das eleccións xerais, o Goberno español siga sen aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, á espera de que se formalice o Goberno de coalición. "Non resulta entendíbel que o Goberno español, ante a gravidade da situación, non busque os mecanismos legais (aínda estando en funcións) para converter en lei todas as medidas que vimos esixindo para que exista un estatuto electrointensivo que permita a creación dun marco enerxético estábel e competitivo", asevera.

Carril alerta que canto máis tempo continúe o Goberno sen achegar solucións, máis se agudizará a crise nas electrointensivas e máis escusas se lle facilitarán as direccións das empresas para recortar produción e condicións laborais e destruír postos de traballo. Aí están os exemplos do acontecido na planta de Alcoa da Coruña, hoxe Alu Ibérica, coa electrólise parada e sen proxecto claro de futuro; o cese da actividade de 32 cubas no complexo de San Cibrao acordado por Alcoa, que ameaza con novos recortes a curto prazo se non hai un marco enerxético estábel; ou os fraudulentos ERTES formulados por Ferroatlántica para as súas plantas, utilizando precisamente como un dos motivos o prezo da electricidade.

O secretario xeral da CIG puxo o acento na importancia estratéxica que esta demanda ten para Galiza, xa que o noso territorio concentra a maior parte desta industria con grandes consumos. Por iso, lamentou que non haxa previsión de aprobar neste Consello de Ministros/as as medidas "urxentes e necesarias" e que o Goberno español "non teña sequera previsto un calendario para dotármonos dun marco regulador que garanta a industrialización e a creación de emprego".

A CIG presentou unha proposta de tarifa hai máis de un ano

Cómpre lembrar que hai xa máis de un ano que a CIG trasladou aos Gobernos galego español e  á Comisión Europea, a través do comisario Arias Cañete, unha proposta de tarifa eléctrica para atallar o insuficiente marco enerxético actual, dos máis caros da UE, agravado ademais polo perverso mecanismo da poxa de interrompibilidade "que máis que achegar solucións, é fonte de conflito".

En liñas xerais, a proposta da CIG contempla liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico (primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario); e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercutan na tarifa eléctrica que pagamos o resto de consumidores/as.

Así mesmo, a CIG defende que se contemple a máxima compensación permitida pola UE por C02; e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a central propón retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Para acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.

Volver