A CIG reúnese coa ministra de Traballo para emprazala a derrogar as reformas laborais e da negociación colectiva

A central demanda unha lexislación respectuosa cos marcos galegos de relacións laborais

Nacional -

A CIG reuniuse ás 19:00 horas deste luns coa ministra de Traballo en Madrid. Unha xuntanza solicitada pola central sindical para trasladar á titular do Ministerio as súas propostas en materia laboral e social, para afrontar a grave situación de empobrecemento xeneralizado que a clase traballadora galega e a maioría social vén padecendo.

Tal e como explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, con esta solicitude de reunión “demandamos a apertura dun diálogo institucional respectuoso con nós como sindicato máis representativo e hexemónico en Galiza”. Diálogo institucional que “non se pode confundir co chamado diálogo social” e que xa foi incumprido, atendendo ao previsto no artigo 27 do Estatuto das Traballadoras e Traballadores -que establece a previa consulta coas organizacións sindicais e asociacións empresariais máis representativas-,  á vista de “como se xestou o acordo no relativo ao Salario Mínimo Interprofesional”.

Por iso, “instamos á ministra a que se rectifiquen as formas e que se teña en conta a existencia dun sindicalismo como o que nós representamos” e a aplicar as recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que o SMI ten que ser de, como mínimo, o 60% do salario medio, arredor dos 1.200€. Un incremento que ten que ser de aplicación directa, sen absorción dos complementos. Isto xunto á exixencia da supresión do IPREM, un indicador creado por Zapatero para reducir a capacidade de recoñecemento das prestacións públicas.

Derrogación das reformas

A delegación da CIG que participou na xuntanza, fixo entrega da proposta que ten elaborado a central sindical en materia laboral, social e da negociación colectiva. Unha proposta que, tal e como explica Carril, “ten como base a necesidade da creación de emprego digno, o que pasa necesariamente pola derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva como única vía real de evitar o risco de consolidación dunha situación social sen saída, porque hoxe ter un traballo ou unha pensión xa non garante vivir en condicións dignas”.

A este respecto, o secretario xeral da CIG salientou na reunión a importancia destas reivindicacións, nun momento de emerxencia diante da crise industrial que sofre Galiza de norte a sur, onde “a reforma laboral xoga un papel importante para facilitar o desmantelamento da nosa industria xa que as empresas poden tomar a decisión unilateral de aplicar un ERE sen autorización previa da autoridade laboral”.

Por iso, para facer fronte á precariedade, aos baixos salarios e á pobreza laboral, a delegación da CIG tamén demandou unha axenda social contundente e, na liña da declaración asinada polas centrais sindicais nacionalistas a semana pasada en Bilbo, puxo sobre a mesa o necesario “respecto polos marcos propios de relacións laborais e de negociación colectiva e, polo tanto, a necesidade de frear o proceso de estatalización das relacións laborais”.

Rectificación de decretos lexislativos

Noutro bloque de demandas, a representación da CIG instará á corrección de decretos lexislativos aprobados polo anterior goberno, como o relativo ao rexistro de xornada -para o que presentará a proposta defendida pola central sindical- e a necesidade de recoller os dereitos relativos á xubilación parcial para favorecer a creación de emprego.

A ministra recolleu as propostas trasladadas pola central sindical, comprometeuse a estudalas e darlles unha solución. A reunión tivo lugar no marco da campaña iniciada o pasado día 3 de decembro pola CIG, cunha asemblea de delegadas e delegados e unha mobilización en Compostela, que tivo continuidade coas convocadas o pasado 30 de xaneiro nas sete cidades galegas baixo o lema 'Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa da industria e do emprego'. Mobilizacións que responden á situación de emerxencia industrial e social que vive Galiza, polo que agarda que se dea unha pronta adopción de medidas que permitan facer fronte a esta situación.

Volver