A CIG revalida a maioría absoluta no comité de FCC, concesionaria da recollida do lixo de Vigo

A central sindical fíxose con 10 dos 17 delegados/as que se escollían
Vigo - 25 Abr 2023

A federación de Servizos da CIG vén de revalidar a maioría absoluta lograda hai catro anos no comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Vigo. Nas eleccións sindicais celebradas os pasados días 21 e 22 de abril a central fíxose con 10 dos 17 representantes que se escollían.

No proceso, que rexistrou unha participación do 96%, podían votar un total de 578 traballadores/as no colexio de especialistas e 40 no de técnicos/as e administrativos/as. Neste último escollíase un só delegado/a, saíndo elixido un candidato independente posto pola empresa. 

A central pasou do 58,7% dos apoios de hai catro anos ao 62,5% obtido neste proceso

No colexio de especialistas a candidatura da CIG obtivo 335 dos 551 votos emitidos, conseguindo 10 representantes; a da USO sumou 118 apoios (3 representantes); e a de CCOO 89 (3 representantes). Contabilizáronse tamén 5 votos en branco e 4 nulos.

Con esta resultado a central nacionalista conseguiu a maioría absoluta por segundo proceso electoral consecutivo, xa que nas pasadas eleccións lograra tamén 10 delegados/as. Nesta ocasión mesmo medrou en respaldo ao sumar 20 votos máis, pasando do 58,7% ao 62,5% dos apoios.

Dende a CIG en FCC agradecen a confianza depositada polos traballadores/as e consideran que o resultado amosa ben ás claras a identificación da maioría do cadro de persoal da empresa co proxecto sindical que representan, un modelo sindical combativo, asembleario e de contrapoder.

Relevo xeracional

Ao mesmo tempo, destacan o feito de que o aumento no número de apoios se produza nun momento no que se está a consolidar un importante relevo xeracional na sección sindical “tras a marcha dos compañeiros Rufino e Zabala, referentes históricos da CIG na empresa”.

Finalmente, expresan o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e sociais do conxunto do cadro de persoal de FCC e adiantan a súa disposición a seguir loitando pola mellora das condicións de traballo de todos/as os traballadores/as da empresa.