A CIG rexeita a decisión de Ferroatlántica de trasladar a produción de silicio solar a Puertollano

Reclámalle á Xunta que garanta a transformación en Galiza do silicio extraído da mina de Serrabal
A Coruña - 21 Nov 2017

A CIG rexeita a decisión anunciada por Ferroatlántica de trasladar a produción de silicio solar dende Sabón (Arteixo) a Puertollano, ao considerar que non existe ningún tipo de motivación económica, organizativa ou produtiva que impidan o desenvolvemento do proxecto FerroSolar (fabricación de silicio de calidade fotovoltaica) en Galiza.  A decisión demostra que, fronte ao que aseguraba o Grupo Villar Mir,  a venta das centrais hidroeléctricas non era condición indispensábel para afrontar con garantías este proxecto, pois a súa posta en marcha na fábrica de Puertollano suporá un custes máis elevados, tanto de construción como de produción, tendo en conta os consumos enerxéticos e o transporte que carrexa.

Hai que lembrar que este proxecto se iniciou en Sabón no ano 2000 como un proxecto de I+D, subvencionado na súa maior parte pola Administración galega, e que se vale dunha materia prima fundamental para a súa elaboración (mineral de cuarzo) que se extrae da mina de Serrabal (outra das concesións administrativas que explota Ferroatlántica en Galiza). Dita iniciativa consolidouse no ano 2008 coa creación da empresa Silicio FerroSolar.

No ano 2014, aprobouse un novo investimento para o desenvolvemento da segunda etapa do proxecto, avalado polo Goberno galego e o Concello de Arteixo, que implicou a construción dunha nova nave en Sabón e que suporía a creación de 90 postos de traballo.  Finalmente, en setembro de 2016 (xusto antes das eleccións autonómicas), Ferroatlántica anunciaba outro paquete de inversións para a construción dunha nova planta para a fabricación de silicio solar, que deixou en suspenso ao supeditala á venda das centrais hidroeléctricas dos ríos Grande e Xallas.

A farsa do plan industrial

Agora pretenden, a través dunha rede de empresas, trasladar a produción a Puertollano, a pesar das dificultades técnicas e os elevados custes de produción que isto implica.  Estes cambios reafirman o que a CIG veu denunciando dende que Ferroatlántica anunciou a súa intención de desfacerse das centrais: que o plan industrial non era máis que unha farsa e unha escusa para presionar os cadros de persoal e a administración, no camiño de conseguir unha lexitimación social ao seu proxecto de segregación e venda das centrais. Nin entón, nin agora os cartos obtidos pola transacción eran fundamentais para levar adiante o proxecto FerroSolar.

Neste senso, criticar o lamentábel papel xogado polas centrais sindicais que se posicionaron a favor dese falso plan industrial, desentendéndose da defensa dos empregos e o futuro nas fábricas de Cee e Dumbría; e que agora tampouco parecen capaces de esixirlle á empresa que cumpra o comprometido para Sabón.

Solicitude de reunión co conselleiro

A CIG  reclama á Xunta de Galiza que non permita este novo espolio dos nosos recursos, que afonda no modelo de colonialismo industrial e depredación recollido na mal denominada Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais. O Goberno de Feijoo ten que impedir que os recursos que se explotan nas minas do noso país sexan transformados fóra. Non se pode consentir que Galiza asuma os custes ambientais e sociais, mentres os beneficios, a creación de postos de traballo, e os custes en inversións e desenvolvemento pagados pola Xunta foxen do país.

Por todo iso, a CIG, primeira forza sindical en número de delegados/as  nas empresas do grupo en Galiza, solicitará unha reunión co conselleiro de Industria para demandar que garanta a transformación no noso país do silicio extraído da mina de Serrabal. Así mesmo, facemos un chamamento a defender, mesmo coa mobilización,  o noso dereito a ter un futuro industrial en Galiza.