• Nova

A CIG rexeita a decisión tomada polo Goberno español sobre o Sáhara Occidental e pide unha rectificación inmediata

A solución xusta e duradeira pasa pola celebración do referendo de autodeterminación para o que a ONU habilitou a MINURSO
Internacional - 21 Mar 2022

Diante da decisión anunciada polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e as autoridades de Marrocos con respecto ao plan que convertería o Sáhara Occidental nunha autonomía integrada no territorio marroquí, a CIG manifesta o máis enérxico rexeitamento e indignación contra esta, por ilegal, imperialista, arbitraria, inxusta e irresponsábel.

Ademais, é totalmente contraria ao sentir maioritario dos galegos e galegas, e tamén do resto da sociedade do propio Estado español, que vén amosando a súa solidariedade con este pobo, tal e como evidencia as máis de 600 organizacións de apoio e solidariedade co pobo saharauí existentes na actualidade.

Logo dos anos de colonización, esta decisión supón outra grave traizón ao pobo saharauí por parte de quen goberna o Estado español (que segue a ser potencia administradora), como o foi a postura tras da Marcha Verde, a sinatura dos Acordos de Madrid, e a renuncia a asumir o papel ao que a propia ONU o ten emprazado reiteradamente, para dar cumprimento ás súas resolucións ao respecto.

En 1975, o pobo saharauí foi abandonado á súa sorte polos intereses da coroa española e os seus acordos cos EUA e agora, en plena escalada bélica na Ucraína, o Goberno de España volve sacrificar os dereitos deste pobo, polo seu aliñamento cos intereses estratéxicos da OTAN e EUA, moi evidentes á vista das últimas decisións: non revisión, e prórroga automática, do acordo sobre as bases militares dos EUA en territorio español, incremento da partida orzamentaria para gasto militar nun 2% (tal e como a OTAN solicitaba), o envío de armas a Ucraína, ou a celebración do cumio da OTAN en Madrid no vindeiro mes de xuño.

Mais alá dos intereses estratéxicos ocultos e dos expostos como xustificación (control dos movementos migratorios, estabilidade para Ceuta e Melilla etc.), a CIG rexeita esta decisión, polos seguintes motivos:

1º) O Goberno español non pode tomar unha decisión ao respecto de xeito unilateral, nin acordalo con Marrocos, sen contar co interlocutor que representa ao Pobo Saharauí, que non é outra que a Fronte Popular para a Liberación de Saguia el-Hamra e Río de Ouro (Fronte Polisario).

2º) Esa decisión contradí as resolución tomadas pola ONU e outros organismos internacionais (Unión Africana, Corte Internacional de Xustiza etc.), e as múltiples sentenzas de tribunais internacionais sobre o territorio do Sáhara Occidental e os seus recursos, entre elas algunha do Tribunal de Xustiza Europeo, que non recoñecen a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental. Hoxe mesmo, a ONU, a través do seu voceiro Stéphane Dujarric, lémbralle ao Goberno do Estado español que este conflito debe resolverse cun compromiso pleno das partes implicadas no proceso político facilitado pola ONU, e insta a apoiar o Enviado Persoal para o Sáhara, Staffan de Mistura, para retomar as negociacións, seguindo a última Resolución 2602, de 2021.

3º) É unha grande irresponsabilidade alterar unilateralmente a situación actual e poñer en cuestión as fronteiras acordadas no seu momento entre os países implicados, podendo incrementar, neste caso si, a inestabilidade na rexión, diante da política de expansión de Marrocos e a posíbel reacción dos países veciños, Mauritania e Arxelia.

4º) É tamén unha irresponsabilidade prescindir de Arxelia nesta toma de decisión, coñecendo as súas respectivas relacións con Marrocos e coa Fronte Polisario, e tendo acordos comerciais de sumo interese no subministro de gas. Por iso Arxelia acaba de chamar a consultas ao seu embaixador en España.

5º) Con ese anuncio, o Goberno español está dando alento e xustificando a represión e as constantes violacións dos dereitos humanos por parte de Marrocos contra a poboación saharauí (temos reiterado as nosas denuncias contra o trato as persoas presas nos cárceres marroquís e as constantes violacións contra Sultana Jaya, entre outras agresións contra a poboación civil).

6º) Tamén estaría lexitimando a explotación dos recursos naturais do Sáhara Occidental por Marrocos, que xa teñen múltiples sentenzas en contra por parte de tribunais internacionais.

7º) Máis grave resulta a decisión nun intre en que as dúas partes reactivaron a guerra, desde o ano 2020.

8º) Non se pode cualificar a proposta de Marrocos como “a máis seria, realista e obxectiva…”, e ignorar o que debera ser a verdadeira solución xusta a duradeira, e para a cal a ONU habilitou a MINURSO: a celebración dun referendo de autodeterminación a través do que o pobo saharauí deberá decidir a súa independencia.

9º) Con esta decisión, o Goberno do Reino de España, potencia administradora, está a deslexitimarse como posíbel actor principal nunha solución ao conflito de descolonización do Sáhara Occidental, pregándose aos intereses de Marrocos, en vez de mediar entre as partes.

Así pois, desde a CIG trasladamos toda nosa solidariedade e apoio á Fronte Polisario, ao sindicato amigo UGTSARIO e ao pobo saharauí en xeral. Facemos un chamamento a todas as organizacións de solidariedade con este pobo, ás organizacións políticas de esquerda presentes nas distintas institucións, e á cidadanía do noso país, para esixirlle ao Goberno de español unha inmediata rectificación.

A CIG estará en contacto coa delegación Saharauí en Galiza para darlle todo o apoio nas acción e mobilizacións que se decidan emprender.

Contra o colonialismo e pola soberanía dos pobos:

SÁHARA HURRA!

SÁHARA LIBRE!