A CIG rexeita a instrumentalización da CRTVG pola orde dada a presentadoras/es de vestir de loito

Considera que se trata dunha decisión partidista seguindo a estratexia da extrema dereita
Nacional - 02 Mai 2020

A sección sindical da CIG na CRGTVG manifesta o seu máis firme rexeitamento “á instrumentalización partidista da Televisión de Galiza que supón a orde da dirección dada aos seus presentadores para vestir de loito nos informativos”. Unha medida que considera que se encadra “na estratexia do PP e VOX, secundada polo Xunta de Galicia, para promover loitos oficiais, bandeiras a media hasta, crespóns negros e minutos de silencio, supostamente en homenaxe ás persoas mortas por causa do coronavirus, o que contrasta coas deficientes condicións de seguridade coas que despois mandan ao traballo aos seus empregados e empregadas”.

Fronte a isto, a sección sindical da CIG entende que a Televisión de Galiza, como ente público de comunicación audiovisual ao servizo de todas as galegas e galegos, “debe velar pola súa independencia e rexerse polos seus propios principios de actuación, afastados de calquera consigna política ou ideas alleas aos intereses xerais”.

No actual contexto de emerxencia sanitaria, a seccións sindical da CIG considera que “urxe máis que nunca dar cumprimento á Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza. O nomeamento do director xeral por maioría cualificada do Parlamento da Galiza, a creación da autoridade audiovisual, o consello asesor, o estatuto profesional e o consello de informativos, son instrumentos de control interno e externo fundamentais para velar pola independencia, a veracidade, a imparcialidade, o pluralismo e a participación nos medios audiovisuais públicos da Galiza.