• Nova

A CIG rexeita a intención de Vitrasa de recortar os salarios do cadro de persoal un 40% este ano

A concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo pretende descolgarse do convenio de empresa
Vigo - 22 Mar 2022

A sección sindical da CIG en Vitrasa amosou hoxe o seu rexeitamento á intención da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo de descolgarse do convenio de empresa e recortar os salarios preto dun 40% este ano e cando menos un 14% en 2023 baseándose nunha posíbel baixada de ingresos neste período.

Dende a CIG-Vitrasa denuncian que tras sufrir un ERTE en 2020 e perder poder adquisitivo pola negativa da dirección a negociar o convenio -caducado a finais de 2020- e a aplicar a correspondente suba do IPC do 6,5% en 2021, “agora os traballadores/as de Vitrasa vémonos ameazados/as cunha rebaixa salarial e de dereitos, xa que a empresa pretende descolgarse do convenio durante os dous próximos anos”. 

Para 2023 a empresa pretende baixar os soldos do persoal cando menos un 14%

Critican que a pesar de que a compañía de transportes recibiu unhas achegas de máis de 12 millóns de euros dos fondos municipais en 2021 pola suma das perdas xeradas pola covid, ao que hai que engadirlle o canon anual do Concello de Vigo, “Vitrasa volve á carga contra os seus empregados/as para tentar sufragar as perdas que supón vai ter en 2022 e 2023 a costa de reducir a capacidade económica ao persoal”.

Na última xuntanza co comité de empresa a dirección puxo enriba da mesa unha rebaixa do 30% do salario en 2022 (ao que hai que sumarlle o IPC do 6,5% do IPC non percibido máis o aumento da xornada que pretende a empresa). Isto unha supón unha rebaixa total de preto do 40%. Para 2023 Vitrasa quere rebaixar os soldos polo menos un 14%, cantidade que sería aínda maior no caso de que tampouco se aplique a actualización do IPC.

A maiores, nestes dous anos ten a intención de aumentar a xornada anual en 86 horas e de modificar substancialmente da dinámica diaria de traballo, “flexibilizando a xornada ao súa antollo”, ademais de non entregar parte do uniforme de inverno.

Tamén censuran que a compañía opte por esta diminución do poder adquisitivo dos seus traballadores/as ao tempo que lle reclama ao Concello cantidades millonarias polos pasados anos 2020 e 2021.

Instan a empresa a abandonar a concesión

Dende a CIG-Vitrasa consideran “canto menos curioso” que a empresa se basee na redución de viaxeiros/as para xustificar perdas e á súa vez estea a realizar sistematicamente recortes nas liñas. “A día de hoxe deixáronse de realizar máis de 70 viaxes diarias, xa que aumentou o intervalo de paso entre autobuses e hai máis de 25 vehículos parados nas cocheiras. 

Vitrasa tamén quere aumentar a xornada anual en 86 horas

Polo que entenden que se a compañía quere aumentar o número de usuarios/as ten que ofrecer unha mellor calidade de servizo e non eliminar autobuses da rúa. “A xente quéixase cada vez máis do empeoramento na calidade do transporte que ten Vigo a día de hoxe”, sinalan.

Finalmente, cualifican os plans da empresa de “atraco aos traballadores/as” e adiantan que a CIG non vai tolerar que se impoña unha rebaixa salarial desta magnitude. “Solicitámoslle á empresa que abandone a concesión, xa que calquera empresario/a que tivese perdas millonarias encadeadas durante dous anos consecutivos e a mesma previsión para os próximos optaría por botar o peche; o que non é de recibo é pretender recuperar as perdas roubándolle aos seus traballadores/as, por iso teñen que ter moi claro que non llo imos permitir”, rematan.