A CIG rexeita a persecución a activistas e os intentos de criminalizar a solidariedade galega co pobo palestino

A central apoia a manifestación convocada o próximo domingo ás 12h en Ferrol
Nacional - 22 Xan 2026

A CIG rexeita a persecución contra activistas que trata de intimidar e criminalizar as mostras de solidariedade coa Palestina e a denuncia do xenocidio exercido polo estado sionista de Israel na franxa de Gaza e os demais territorios ocupados.

Diante da denuncia de oficio da Brigada de Información da Garda Civil contra o militante e activista internacionalista Bruno Lopes Teixeiro polas súas publicacións nas redes sociais rexeitando o xenocidio palestino así como a complicidade dos gobernos occidentais co sionismo israelí, a CIG apoia e anima a participar na manifestación convocada en Ferrol o próximo domingo 25 de xaneiro, con saída ás 12 horas da Praza Amada García.

Esta denuncia constitúe un ataque á liberdade de expresión e enmárcase na estratexia de persecución ás persoas e movementos sociais que se mobilizan a prol da causa palestina, na defensa do dereito de autodeterminación dos pobos e para denunciar a limpeza étnica e as atrocidades cometidas polo estado sionista.

A CIG pide que se arquive, de xeito inmediato, esta infundada acusación, que pretende confundir  de maneira deliberada antisionismo con antisemitismo e representa, máis unha vez, un ataque ao activismo social, antiimperialista, antifascista, defensor da soberanía dos pobos.

ANTISIONISMO NON É ANTISEMITISMO

GALIZA CON PALESTINA