A CIG rexeita a privatización do SAF de Monterroso e insta o Concello a manter a xestión directa do servizo

O Goberno municipal anunciou a súa decisión cun comunicado nunha rede social

Monterroso -

O Concello de Monterroso publicou o pasado venres, a través dun comunicado no facebook, que ía proceder a iniciar un proceso de privatización do SAF alegando dificultades para cubrir o persoal. Diante deste feito, a CIG quere denunciar, en primeiro lugar, que a decisión de privatización dun servizo público se faga a través dunha publicación nunha rede social, sen terlle comunicado esta decisión ás traballadoras; o que constitúe unha falta de respecto total e absoluta ao conxunto do persoal do SAF.

Sendo certo que existen problemas para cubrir as prazas nas convocatorias, dende a CIG de Lugo-A Mariña ténselle demandado ao Concello a convocatoria dunha bolsa de emprego para o SAF na que, entre os requisitos, non se pedira estar en posesión da titulación esixida. Algo que, explica o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, "é perfectamente válido e legal, toda vez que é unha formula que se permite para o caso das zonas rurais, precisamente en previsión da falta de persoal.  Mais desde o Goberno municipal néganse a optar por esa fórmula".

O modelo privatizado: beneficios para as empresas e precariedade para o servizo

Pola contra o Goberno local aposta polo modelo da privatización, cando son viábeis outras opcións para garantir o servizo, así como o carácter 100% público deste. "Entendemos que o modelo de privatización non garante ningún beneficio para as persoas usuarias, nin supón un aforro económico ao Concello, senón ao contrario, posto que é evidente que as empresas que se presenten ao concurso o que pretenderán  será o seu beneficio económico e non do servizo", advirte Neto. E engade que, ademais, este modelo privatizado fomenta a precarización das condicións de traballo do persoal.

Por iso, dende a CIG faise un chamado ao Goberno municipal para que "reflexione" na súa decisión, para que rectifique a medida "e para que opte por medidas que non supoñan a privatización do servizo". Ao tempo, a central sindical advirte que "estaremos atentos a todo o proceso para esixir o máximo respecto ás condición laborais do persoal do servizo".

Sistema público galego de atención ás persoas

Para garantir o carácter público dos servizos de atención ás persoas, que se presten en condicións de calidade e cunha condicións laborais dignas para as traballadoras e traballadores, a CIG ten en marcha unha campaña en demanda da creación dun sistema público galego de atención ás persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e dos recursos humanos necesarios.

Para facer realidade esta demanda, a CIG elaborou unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para a que xa iniciou a recollida das sinaturas necesarias.

Volver