A CIG rexeita a privatización do SAF de Monterroso e reclama o Concello que dea marcha atrás na súa decisión

A central convoca concentración para o luns 29 de marzo, ás 20h

Monterroso -

A CIG rexeita a decisión de privatizar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Monterroso, xa que non existen motivos para tal medida. Ante a teima do Goberno municipal de seguir adiante co proceso, a central nacionalista ten convocada unha concentración en Monterroso para o vindeiro luns, 29 de marzo, ás 8 da tarde diante da casa do Concello.

A CIG de Lugo-A Mariña subliña que non existen razóns para proceder a tal medida, que se trata dunha decisión de carácter ideolóxico "e non debido a problemas para xestionar o servizo coma o goberno municipal pretende argumentar". De feito, engade o secretario comarcal de Organización, "o Partido Popular, membro da coalición de goberno, xa levaba a proposta de privatización do servizo no seu programa electoral".

O goberno propiciou o escenario para xustificar a privatización

Lois Neto lembra que o goberno local renunciou a convocar unha bolsa de emprego na que non se obrigara as persoas participantes a ter as titulacións esixidas para desenvolver o traballo, tendo en conta que a lei contempla que no caso de zonas rurais se poderá contratar a persoas sen dita formación mentres non haxa persoal coa formación necesaria.

Tampouco fixo nada o Concello para que se convocaran accións formativas para que as traballadoras e traballadores puideran obter a titulación requirida. "Estas propostas fóronlle feitas pola CIG no mes de outubro, mais renunciaron ás mesmas, posto que había que crear un escenario para xustificar a privatización do servizo", denuncia.

Maior custe e menos dereitos

Para a CIG resulta máis que evidente que a prioridade para unha empresa privada non é a calidade do servizo, senón que o beneficio económico, "e ningunha empresa se presenta a un concurso pensando na benestar dos/as usuarios/as, senón no seu enriquecemento, e é máis que claro que o custo para o Concello resulta maior, posto que agora terá, ademais dos salarios do persoal, que cubrir o beneficio empresarial".

Malia ser un traballo esencial, os SAF son un dos sectores menos valorizados e máis precarizados, tanto na retribución económica como nas condicións laborais, posto que o centro de traballo son domicilios particulares sen ningunha adaptación para poder desenvolver o mesmo.  "Resulta evidente que coa privatización do servizo, as condicións de traballo non van mellorar, senón empeorar as súas xa de por si precarias condicións", advirte Lois Neto.

"Incompetencia absoluta"

Por outra banda, se se tratase dun problema de xestión do servizo, "entón o goberno municipal amosa con esta decisión unha incompetencia absoluta, posto que non son precisas tantas liberacións se do que se trata é de privatizar servizos públicos. Os veciños e veciñas de Monterroso deben de ter claro que con este goberno pagan máis aos seus gobernantes para que estes fagan menos".

A CIG seguirase mobilizando e levando adiante as accións que sexan necesarias para que finalmente o servizo non se privatice.

Volver