A CIG rexeita a proposta do MITECO e exixe que se manteña a capacidade íntegra de evacuación das dúas térmicas

Nacional - 09 Xun 2023

Na reunión do Comité Executivo da Enerxía (órgano dependente da Xunta) a CIG manifestou o seu total rexeitamento á proposta de capacidade de evacuación feita polo MITECO para Meirama, así como o procedemento para adxudicar este dereito sen as garantías dun concurso público competitivo. A CIG reitera a súa firme demanda para que se cumpra cos compromisos adquiridos, se reasigne a Meirama e ás Pontes a capacidade total de evacuación liberada tras o peche das centrais, e se inicien xa os trámites para sacar a poxa de transición xusta.

Na xuntanza, a dirección xeral de Planificación Enerxética informou da proposta trasladada no mes de maio polo Ministerio a respecto da capacidade evacuación asignada para Meirama, que até agora non tiña MW dispoñíbeis. Porén, a capacidade atribuída é inferior á que tiña a central de Fenosa e, ademais, o Goberno estatal pretende que a súa adxudicación se faga mediante orde ministerial e non a través dun concurso público.

A capacidade de evacuación é o elemento diferencial que teñen ambas comarcas para poder contar cun proxecto con garantías reais de reindustrialización

Para o responsábel de Enerxía da CIG, Fernando Branco, "esta proposta non é máis que un parche para Meirama que hai que entender nunha clave puramente electoralista", pois, engade, para As Pontes segue sen ofrecerse ningún tipo de solución. Contar con esta capacidade de evacuación "é o elemento diferencial que teñen ambas as dúas comarcas para poder contar cun proxecto con garantías reais de reindustrialización. O resto son simples anuncios cuxa materialización depende en exclusiva do interese e da decisión, segundo as circunstancias, de cada empresa promotora", destaca.

Neste senso, Branco engade que a escaseza de MW para atender a demanda que existe nestes momentos de conexión á rede pola proliferación de instalacións de enerxías alternativas fai que "sexa un recurso á alza. Ter o dereito de evacuación ten un alto valor para o territorio, ao que a CIG non está disposta a renunciar".

Concurso con garantías e obrigas

Cómpre lembrar que nos denominados Nós de Transicións Xusta estaba previsto que as comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas mantiveran a capacidade de evacuación nominal asignada a estas instalacións (550 MW no caso de Meirama e 1400 no das Pontes) e que a súa adxudicación se fixera mediante concurso público, seguindo uns parámetros de valoración e cunha serie de obrigas a cumprir por parte dos proxectos gañadores.

Porén, Red Eléctrica Española (da que depende a capacidade de evacuación á rede) determinou que tanto Meirama como As Pontes tiñan 0 capacidade de conexión, dispoñendo destes MW noutros puntos da rede eléctrica. No seu momento, a CIG xa amosou o seu firme rexeitamento a esta decisión que compromete as posibilidades de reindustrialización de ambas comarcas.

Aínda non estando de acordo cos termos formais da poxa, a importancia dos concursos públicos evidénciaa o caso do nó Mudéjar en Andorra (Teruel), que obrigou á empresa gañadora (Enel Green Power) a depositar unha fianza de 220 millóns de euros e que leva acompañadas unha serie de actuacións industriais, proxectos de creación de emprego e de potenciación da economía da zona. De feito, dende o propio Ministerio expoñen este concurso como un exemplo de éxito na transición xusta.  "Non obstante, en Galiza négannos este dereito", conclúe.