A CIG rexeita a Resolución 2797 da ONU e mostra o seu apoio ao pobo saharauí
A Confederación Intersindical Galega manifesta o apoio ao pobo saharauí, ao Frente Polisario, como lexítimo representante deste, e á UGT de Saguia El Hamra e Río de Oro – UGTSARIO, ante o plan de Marrocos e Estados Unidos e fronte á Resolución 2797 do 31 de outubro, que supón un grave ataque ao dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental e unha flagrante violación do dereito internacional.
Tal e como alertan as citadas voces, o texto presenta grandes ambigüidades e contradicións que serven como base de desenvolvemento do plan de autonomía marroquí; un feito sen precedentes por parte do Consello de Seguridade da ONU e un grave retroceso sobre a interpretación deste organismo arredor do proceso de descolonización do Sáhara e o lexítimo dereito do pobo saharauí sobre os recursos do propio territorio, que alén disto contradí o consenso internacional, a Carta das Nacións Unidas e diversas sentenzas ditadas polo Tribunal Europeo de xustiza.
A CIG condena estes feitos tal e como se produciron, non só por ser unha imposición dos EUA, mais tamén polo que significan como promoción da proposta de autonomía marroquí, equiparada á reafirmación do marco da descolonización e ao dereito de autodeterminación. Valoramos, en consecuencia, que se trata dunha primeira materialización dos intereses imperialistas dos EUA sobre o territorio colonizado por Marrocos, tanto pola situación xeoestratéxica, como polo espolio de recursos, tamén perpetuado pola Unión Europea.
A CIG condena esta resolución, a complicidade da comunidade internacional e a violación reiterada dos dereitos humanos.
A CIG exixe, en coherencia coas demandas históricas do pobo saharauí e dos seus lexítimos interlocutores:
- A contundencia e respecto no dereito de autodeterminación do pobo saharauí, así como a aplicación dos mecanismos para a celebración do referendo de carácter vinculante e con garantías no seu desenvolvemento; obxectivo primordial ao que debe servir o mandato da MINURSO estendido até o 2026.
- A implicación na fin da ocupación do Goberno do Estado Español, potencia administradora, anteriormente ocupante, e facilitadora da colonización por parte de Marrocos do Sáhara Occidental; a ruptura inmediata das relacións co Reino de Marrocos e a apelación sen demora á Unión Europea, cómplice da perpetuación da ocupación e do espolio de recursos, e o recoñecemento da República Árabe Saharauí Democrática e do Frente Polisario como única organización lexítima na interlocución sobre os dereitos e reivindicacións do pobo saharauí.
- O fin na vulneración dos dereitos humanos que atenta contra este pobo, así como a non lexitimación da represión continuada sobre a poboación en territorios ocupados e a liberación dos presos políticos nos cárceres marroquí
A CIG manifesta o seu apoio incondicional á causa pola liberación do pobo saharauí e o compromiso na loita e mobilización até a consecución dun Sáhara Occidental libre e soberano, única solución xusta, digna e coherente coa defensa da soberanía dos pobos do mundo.