A CIG rexeita a pretensión do SERGAS de prestar parte do transporte sanitario non urxente a través de asociacións ou taxis

Alerta do impacto que tería no emprego esta medida que afonda no deterioro do servizo público

Santiago -

A FGAMT-CIG advirte que comezará mobilizacións no sector das ambulancias, de confirmarse que o SERGAS ten intención de quitar dos novos contratos do transporte sanitario non urxente unha parte do servizo para subcontratalo con asociacións de doentes e/ou taxis. Isto suporía a perda de entre un 20% e un 30% do emprego actual no sector e afondaría no desmantelamento e deterioro deste servizo público.

O responsábel do sector de transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explica que hai un tempo a central sindical mantivo unha xuntanza coa Administración ante a proposta do Servizo Galego de Saúde de que o transporte para diálise e tratamentos se prestara non a través das empresas de ambulancias, senón mediante acordos con asociacións ou servizos de taxis. De feito, apunta Pastoriza, en Lugo, o SERGAS ten un acordo "ilegal" cunha asociación á que lle concede unha subvención para que contrate taxis para o traslado das/os asociadas/os que van ao hospital realizar diálise.

Para Pastoriza, estender este tipo de acordos suporía afondar no deterioro do transporte sanitario como servizo público, xa que as usuarias e os usuarios serían trasladados en vehículos sen acondicionar, non aptos para a desinfección e sen o acompañamento de persoal cualificado. "Que este modelo non é axeitado demóstrao o feito de que cando hai algunha incidencia cos/as doentes o que se fai é chamar a unha ambulancia para que atendan e trasladen a esa persoa", salienta.

Impacto negativo no emprego e no servizo

Estes traslados, puntualiza, téñenos que facer as empresas de ambulancias sen que lles abone o servizo a maiores do prezo do contrato, polo que, "se os contratos xa están ao límite de custe -sendo este un dos motivos da conflitividade vivida nos últimos anos no sector-, ter que realizar este tipo de traballos a maiores redundaría nun empeoramento das condicións laborais, dos vehículos e do servizo no seu conxunto".

Pero ademais, esta medida tería un enorme impacto no emprego, ao destruír entre un 20 e 30% dos postos de traballo actuais no transporte sanitario non urxente. Diante disto, e á espera dunha resposta por parte do SERGAS, a FGAMT-CIG xa adianta que iniciará mobilizacións no sector para evitar que Xunta consume esta desfeita nun servizo que debera ser de xestión 100% pública.  

Volver