A CIG rexeita as pretensións de Poligal de liquidar a fábrica de Narón e chama a participar nas mobilizacións

Este sábado hai concentración ás 12:00 horas diante do Concello
Narón - 22 Feb 2019

O conselleiro delegado de Poligal comunicaba esta mesma mañá á representación social que a compañía vén de solicitar concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación para a fábrica de Narón e, polo tanto, co posíbel despedimento dos seus preto de 120 traballadores e traballadoras.

A CIG rexeita absolutamente esta decisión e entende que a empresa ten futuro e viabilidade. Á falta de coñecer a documentación presentada esta mañá no xulgado do Mercantil de Barcelona, para a CIG-Industria de Ferrol non existen razóns xustificadas para unha medida tan drástica, máis cando a fábrica pertence ao grupo Peralada que desvía a produción a outras plantas, segundo máis lle conveña para cadrar (ou descadrar) as contas.

A noticia caeu como un xerro de auga fría entre as traballadoras e traballadores, a quen a empresa quere enviar para a casa cun permiso retribuído até que se nomee ao/á administrador/a concursal, e que para nada agardaban unha decisión desta índole, pois aínda que a dirección fala de perdas acumuladas, as nóminas están ao día e non se rexistraron atrasos nos pagos.

Cómpre lembrar que Poligal (que se dedica á fabricación de plástico para a industria alimentaria) foi o buque insignia das subvencións e dos famosos plans de reindustrialización para a comarca de Ferrolterra, ao abeiro das que recibiu suculentas axudas para mercar chan industrial, montar as naves e contratar persoal. E foi dende Narón de onde expandiu a súa actividade levantando fábricas en Portugal e Polonia, coas que agora ten que competir.  

Calendario de mobilizacións

Así as cousas, o anuncio de Poligal terá unha resposta inmediata por parte dos traballadores e traballadoras, que mañá, sábado 23 de febreiro, van realizar unha concentración, ás 12:00 horas, diante do Concello de Narón para esixir a continuidade da actividade produtiva e os empregos.

Ademais o vindeiro luns, día 25 de febreiro, haberá manifestación ás 10:00 horas dende a planta de Poligal, no Polígono da Gándara, até a Casa do Concello, onde o persoal será recibido polos voceiros e voceiras de todos os grupos municipais.