A CIG rexeita o boicot do Goberno español aos mecanismos de control da Carta Social Europea

Considera que se trata dunha grave intromisión nas funcións do Comité Europeo de Dereitos Sociais
Nacional - 19 Mar 2024

A CIG vén de remitir un escrito ao Comité de Dereitos Sociais pola recusación, sen fundamento, da experta Carmen Salcedo na reclamación sobre a indemnización por despedimento e polo cuestionamento da lexitimidade da central sindical na reclamación sobre o SMI. Cuestións que considera que constitúen “graves intromisións nas funcións do Comité Europeo de Dereitos Sociais” e que interpreta como un “boicot do Goberno español aos mecanismos de control da Carta Social Europea”.

A CIG tivo coñecemento, pola prensa e por actuacións no Congreso das e dos Deputados, da presentación dunha solicitude do Estado español de recusación contra Carmen Salcedo, membro do Comité Europeo de Dereitos (CEDS), para que sexa apartada de tres reclamacións colectivas.

Unha actuación “sen precedentes” que condena “por poñer en risco e grave perigo” -como publicamente ten declarado a Confederación Europea de Sindicatos por escrito, o 13 de marzo de 2024- “o mandato, composición, responsabilidades e métodos de traballo do CEDS”, ademais de representar unha “inxerencia no procedemento de supervisión”.

Contraria a dereito

Para a CIG tamén é contraria a dereito “en todos os sentidos” esta petición que inclúe, ademais das tres reclamacións colectivas presentadas, a solicitude de que se entenda tamén realizada para todos os asuntos “futuros” e “similares” nos que “España sexa a parte demandada”.

Por iso, a CIG manifesta a súa “preocupación” e “perplexidade” e incide en que a central sindical debería ter sido informada desta actuación, na medida en que está afectada por esta solicitude a súa reclamación colectiva relativa ao SMI, que “é o elemento clave no cálculo da indemnización por despedimento e no abono dos salarios de tramitación”. Ambas cuestións expresamente mencionadas no documento do Estado español.

Entende que a inexistencia de comunicación algunha “vulnera os principios xurídicos de equidade procesal das Partes”. Unha opacidade apreciada, non só pola CIG, senón tamén por outros sindicatos mais que non se dá para todos, xa que a UGT si tivo coñecemento da solicitude do Estado español no marco dunha reunión negociadora do SMI -precisamente o obxecto da reclamación colectiva da CIG- e doutros aspectos relativos a condicións laborais, da que o sindicato “é excluído ilegalmente”.

A central sindical denuncia que se está “privilexiando” a uns e “discriminando” a outros malia formar parte do procedemento “vulnerando a Carta Social Europea revisada e os artigos 1 e 2 do Procedemento de Reclamacións colectivas”. Unha situación que provoca “indefensión”, que incumpre o dereito á tutela efectiva e que privilexia ao Estado español “irrazoábel e subxectivamente”.