A CIG rexeita o convenio da empresa de automoción Akwel de Vigo e denuncia a actitude de CCOO
A CIG-Industria vén de amosar publicamente o seu rexeitamento ao convenio colectivo da empresa de automoción Akwel de Vigo asinado o pasado xoves por CCOO e a dirección, xusto un día antes de que o cadro de persoal votase en referendo a aceptación ou non do documento. Na consulta, na que participou a metade das persoas traballadoras da compañía, rexistrouse unha maioría contundente de votos contrarios ao convenio (118 en contra e só 10 a favor).
Dende a central sindical denuncian a actitude de CCOO durante o proceso, xa que aproveitou a súa maioría no comité (7 representantes de CCOO, 3 da CIG, 2 da USO e 1 da UGT) para impoñer un acordo que non garante o mantemento do poder adquisitivo e no que se discrimina a determinadas categorías profesionais.
Segundo explican dende a CIG-Industria, a negociación do convenio de 2026 iniciouse tras a aplicación dun ERE extintivo que afectou a 89 persoas traballadoras e pechouse coa aceptación por parte de CCOO dunha proposta que contempla un incremento de soldos do 3,1% que en determinadas categorías aplicarase unicamente sobre o salario base. Ademais, tampouco se pactou cláusula de revisión salarial nin cobro de atrasos.
En consecuencia, as seccións sindicais da CIG, USO e UGT promoveron a celebración de asembleas informativas -nas que CCOO non participou nin promoveu consultas alternativas ao persoal para coñecer a súa posición sobre o acordo- e dun referendo na empresa, que tivo lugar o pasado venres. Pero xusto o día antes a dirección de Akwel convocou o comité para asinar o convenio, que foi ratificado só por CCOO. O resto de organizacións optaron por seguir adiante coa consulta, cuxo resultado evidenciou o rexeitamento de boa parte das persoas traballadoras ao acordo. Xa que das 128 participantes (dun total de 258), 118 votaron en contra e só 10 a favor.