A CIG rexeita o convenio estatal de Aforro, que contempla tres anos de conxelación salarial e recortes nos trienios

Tamén elimina dous anos a parte variábel do plus convenio e baleira a lexislación de rexistro de xornada e desconexión dixital

Nacional -

A federación de Banca da CIG vén de amosar o seu rexeitamento ao convenio colectivo estatal de Aforro asinado onte, que regula as condicións laborais do persoal dos bancos nacidos da privatización das antigas caixas, xa que establece tres anos de conxelación salarial, recorta os trienios, elimina durante dous anos o pago do plus de convenio e baleira de contido a lexislación do rexistro de xornada e da desconexión dixital.

Dende a central saen ao paso do comunicado feito público polas organizacións asinantes do acordo -a patronal CECA e os sindicatos CCOO, UGT e FINE- ao entender que se trata de “publicidade enganosa”. Lembran que o pasado mes de xullo a CIG-Banca denunciaba que o preacordo do convenio contemplaba un durísimo recorte salarial para o persoal, xa que conxelaba os salarios tres anos consecutivos; establecía un recorte a futuro dun 25% nos trienios, que afectará en maior medida ás mulleres; e contemplaba non pagar durante dous anos un plus (perda que pode chegar aos 900 euros nese período). “Pois a día de hoxe o convenio tradúcese nunha perda salarial que vai dos 1.829,94 aos 122,71 euros nos salarios máis baixos”. 

A central xa denunciara en xullo que o preacordo contemplaba un durísimo recorte salarial

Con respecto ao traballo a distancia, a proposta dos sindicatos recollía literalmente que entre os seus obxectivos atopábase a “organización do traballo e a redución de custes nas empresas do sector derivada da transformación tecnolóxica”, así como “dotar os cadros de persoal de flexibilidade na xestión dos tempos de traballo e dos descansos”.

Estes eran os seus obxectivos no teletraballo, e desgraciadamente, á vista dos recortes salariais e do baleirado do rexistro de xornada e da desconexión dixital, parece que de todo o convenio”. Pola contra, a pretensión da CIG-Banca era solucionar os problemas dos cadros de persoal, “por iso ao inicio da negociación puxemos en marcha un proceso participativo en toda Galiza no que puido participar todo o persoal, independentemente da súa afiliación”.

Neste proceso quedou claro que os maiores problemas son os relacionados coa carga de traballo, coa conciliación laboral e familiar e coa discriminación indirecta das mulleres. Porque a carga de traballo supera normalmente a realizábel dentro da xornada laboral, levando a un incremento do estrés e da ansiedade e á extensión da xornada.

A solución pasaba por aplicar a lexislación en materia de rexistro de xornada (un logro da CIG) e da desconexión dixital”. É dicir, acotar a xornada para que as empresas non puidesen impoñer obxectivos crecentes (e seguir recortando persoal sobrecargando ao que queda). “Pois ben, neste convenio cargáronse o rexistro de xornada e a desconexión dixital, xa que fai recomendacións en materia de comunicacións dixitais e non contempla a desconexión das ferramentas dixitais de produción fóra da xornada laboral”. En consecuencia, dúas leis beneficiosas para o persoal foron baleiradas de contido polos asinantes.

Conciliación laboral

En canto á conciliación, o principal problema é a ampliación das tardes que se traballan e a implantación de horarios flexíbeis (realmente xornadas irregulares). Trátase de horarios sen límites que a empresa pode cambiar a diario segundo “necesidade do negocio”. A solución para os asinantes pasa por reducir xornada e salario, ou agora teletraballar, “algo que prexudica especialmente as mulleres”.

Dende a CIG inciden en que a loita pola xornada de oito horas foi central na historia do movemento obreiro e sindical, “por iso quen renuncia a esta conquista e se presta aos malabares defraudatorios, non é un sindicato; e quen o fai cando se cumpriron 100 anos do trunfo sindical que dobregou as patronais e ao Estado español, obrigando a decretar a xornada de oito horas, é un traidor á clase traballadora”. 

O acordo beneficia a patronal e permite a discriminación indirecta das mulleres

Outros aspectos que critican do convenio teñen que ver coa clasificación e a carreira profesional, que datan de 2004. “Dende aquela os cambios no sector foron brutais, priman as funcións comerciais e practicamente desapareceron as funcións administrativas (incluso queren extinguir o traballo de caixa)". O convenio tampouco ten en conta a lexislación actual (MIFID, LCI, etc). “Un sistema caduco que beneficia a patronal e que permite a discriminación indirecta das mulleres; denunciámolo durante a negociación, pero a patronal negou a maior e os seus sindicatos gardaron un silencio cómplice”.

Finalmente, lamentan que a pesar de ser o convenio que se vai aplicar durante a actual pandemia da covid “non contempla unha soa medida neste sentido, nin de prevención, nin de conciliación, nin de nada”. 

Volver