![Confederación Intersinidical Galega](/assets/cig/2022/logos/cig.png)
A CIG rexeita o ERE aprobado en Coremain que suporá o despedimento do 20% do persoal
![](assets/images/e/2022-10-11_ERE_Coremain.000-9d5085fe.jpeg)
A CIG manifesta o seu máis enérxico rexeitamento do acordo que se chegou no ERE de Coremain xa que apenas se conseguiu unha exigua mellora de 2 días por ano para parte das persoas despedidas. O resto será despedido co mínimo legal. Malia manifestar que non dispuña de medios para mellorar a indemnización, a empresa vai pagar 15 días para poder despedilos sen comunicarlles o preaviso.
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2022/10/11/Concentracion%20contra%20ERE%20en%20Coremain/2022-10-11_ERE_Coremain.002.jpeg)
O proceso de negociación apareceu viciado desde o principio porque a empresa xa adiantou na comunicación do inicio do período de consulta que as persoas afectadas serían despedidas o día 15, sen rematar a prazo legalmente establecido para esas negociacións. Tal e como foi.
A CIG non pode compartir que habendo 18 días por diante para negociar se opte por asinar un acordo sen apenas variacións e sen contemplar un ERTE temporal, tal e como a central propuxo, para as persoas que desexaran acollerse a el.
![](imaxes/adaptadas/780/files/novas/2022/10/11/Concentracion%20contra%20ERE%20en%20Coremain/2022-10-11_ERE_Coremain.001.jpeg)
A CIG tampouco pode aceptar que non había marxe para seguir negociando, pois o proxecto Vodafone remata a mediados de outubro cando foi a propia empresa a que retrasou o inicio do período de consultas durante un mes, no canto de axilizalo e poder esgotar, de ser necesario, os 30 días legalmente estabelecidos e poder dar o preaviso que prevé a lei.
A CIG quere lembrar que non se conseguen dereitos e melloras sen loita, e que os consellos de que “é mellor non protestar para que a empresa non se enfade” só serven para desmobilizar e sempre acaban igual: sen que a empresa sinta motivos para mellorar as súas ofertas.