A CIG rexeita o ERE formulado por Nestlé que suporía o despedimento de 27 persoas na planta de Pontecesures

A central non ve necesario nin xustificado este expediente cando o grupo ten unha facturación récord
Pontecesures - 06 Mai 2026

A CIG amosa o total rexeitamento ao Expediente de Regulación de Emprego formulado por Nestlé a través do que pretende despedir a un total de 301 persoas, das que 27 pertencerían á planta que a compañía ten en Pontecesures. Esta é a única instalación que Nestlé ten en Galiza e a única factoría dedicada á produción de leite condensado do grupo.

A secretaria da FGAMT-CIG de Pontevedra, Cecilia Tarela, denuncia que, realizando unha comparación en porcentaxes, a planta de Pontecesures será unha das máis prexudicadas polo ERE, xa que o despedimento de 27 persoas supón o 14% do cadro de persoal total: unhas 200 persoas traballadoras.

Tarela explica que na planta de Pontecesures faise a produción de leite condensado para toda Europa, Oriente Medio e parte do Sahel, cunha media de 60.000 toneladas ao ano, e que neste momento está nun pico de máxima produción. “Soster esta produción con 27 traballadoras e traballadores menos non é posíbel”, asevera. E reitera que a CIG non vai aceptar un só despedimento nesta fábrica.

A representante sindical rebate que existan causas económicas, organizativas ou produtivas que xustifiquen este ERE, menos aínda tendo en conta que o ano pasado o grupo Nestlé acadou unha facturación récord, cun montante de 2.984 millóns de euros.

“Cos números que presenta Nestlé a nivel estatal non vemos necesarios nin xustificados estes despedimentos e nos próximos días comezaremos coas accións e mobilizacións que sexan precisas pola continuidade de todos os postos de traballo”, conclúe.