A CIG rexeita o ERE extintivo para 148 persoas anunciado polo centro de chamadas de Bosch en Vigo

A central nacionalista alerta da destrución de 1 de cada 10 postos de traballo na empresa
Vigo - 10 Xun 2022

A federación de Banca da CIG amosou hoxe o seu rexeitamento ao ERE extintivo para 148 persoas que vén de anunciar Bosch no centro de chamadas de Vigo, o que suporía a destrución de 1 de cada 10 postos de traballo na empresa. Dende a central sindical anuncian a convocatoria de mobilizacións contra os despidos, a primeira delas este luns día 13 coincidindo coa folga convocada pola CIG no sector para reclamar un convenio digno.

A sección sindical da CIG en Bosch tamén expresou a súa posición contraria ao ERE, que que cualifica de novo ataque ao persoal da empresa despois de ter sufrido dende o ano 2020 catro ERTE consecutivos e un proceso de modificación substancial que provocou a extinción de varios postos de traballo. A causa esgrimida pola dirección da compañía nesta ocasión para xustificar a decisión é a perda do servizo de Helpdesk de Vodafone. 

A primeira protesta terá lugar este luns día 13 diante de Bosch ás 11:30 horas

Ao mesmo tempo, lembran que Bosch efectúa continuos despedimentos por baixo rendemento “nuns tempos nos que conseguir os desmesurados obxectivos de vendas é moi difícil, primeiro polas circunstancias económicas derivadas da pandemia e actualmente polo alto incremento da carestía da vida”.

Desde a sección sindical culpan á empresa de non ser capaz de manter estes empregos nin de ofrecer alternativas para non botar a xente á rúa, “sobre todo cando estamos a falar de persoas que levan moitos anos na empresa e traballaban nunha campaña que chegou a empregar a máis de 500 persoas”.

Ademais, denuncian que Vodafone tenta maximizar beneficios a costa dos dereitos laborais, deslocalizando este servizo a terceiros países -como Portugal, Perú e Colombia- con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo estatal dos centros de chamadas.

Deslocalización de servizos

Por iso a CIG alerta de que se trata dunha deslocalización de servizos que non se producía dende hai anos neste sector na cidade de Vigo. Temen que este caso sexa un primeiro síntoma dun "repunte deslocalizador", principalmente por parte de compañías “tan voraces” como Vodafone, “que non só suporá a destrución masiva de postos de traballo, senón tamén o traslado de datos de milleiros de persoas a países que non están suxeitos á normativa europea de protección de datos”. 

A central xa está a realizar contactos institucionais cos distintos grupos parlamentares e coa propia Xunta

En consecuencia, a central nacionalista xa está a realizar diversos contactos a nivel institucional, tanto coa Xunta de Galiza como cos grupos parlamentares, para que medien neste proceso, tendo en conta que a Administración galega ten importantes contratos públicos, de importes millonarios, con Vodafone.

Ademais, anuncian mobilizacións en contra desta nova destrución de emprego nunha empresa que prescinde de persoal con moitos anos de formación e experiencia a pesar de que adoita alegar dificultades para efectuar novas contratacións. A primeira protesta será este mesmo luns día 13 coincidindo coa folga convocada pola CIG no sector para reclamar un convenio digno e terá lugar diante de Bosch, na rúa Barxa do Covelo, ás 11.30 horas.