A CIG rexeita o ERTE anunciado por Repsol por ser un despropósito e carecer de motivación

A sección sindical chama a darlle resposta adecuada a empresa para frear a medida

A Coruña -

A sección sindical da CIG en Repsol Petróleo rexeita “de pleno” o ERTE que a emprese vén de comunicar para a refinería da Coruña alegando causas produtivas e organizativas. A suspensión temporal afectaría a un total de 212 traballadores e traballadoras por un período de seis meses.

“O mantemento dos nosos postos de traballo é o piar fundamental no que se sustenta a supervivencia da nosa refinería e é por esta razón pola que queremos deixar claro que na refinería da Coruña non sobra ninguén”, aseveran. Con esta medida, engaden, dilúese e desaparece “a aposta que fixo Repsol, en boca do seu director executivo, Josu Jon Imaz, a prol da estabilidade do emprego durante os meses duros desta pandemia”.

Repsol pretende aproveitar a situación de pandemia

A representación da CIG non comparte nin entende ningunha das razóns que presenta a empresa para efectuar este movemento, “mais tendo en conta que o horizonte de mellora da situación económica parece que irá ligado a un avance na vacinación da poboación mundial, feito que se está a producir agora mesmo”.

Neste marco, cualifican de “miserábel” que Repsol pretenda aproveitar a situación de pandemia para cargar sobre os traballadores e as traballadoras as rebaixas salariais que propón na negociación do Acordo Marco e amedrentar o persoal a través dun ERTE totalmente inxustificado.

Xunto a isto, a sección sindical recalca que leva tempo solicitándolle a empresa información e investimentos no centro de traballo da Coruña para adaptar as instalacións ao novo marco imposto pola Lei de Transición Enerxética. De feito, Repsol xa anunciou importantes investimentos noutros complexos industriais e, en datas recentes, o consello delegado de Repsol e a directora do complexo mantiveron unha xuntanza co presidente da Xunta de Galiza “da que non temos ningún tipo de información concreta dos temas tratados e de como nos afectan”.

A sección sindical da CIG fai un chamamento a dar unha resposta unitaria para frear este ERTE e calquera intento da empresa de recortar dereitos, así como reivindicar que se fagan os investimentos precisos na refinería da Coruña.

Volver