• Nova

A CIG rexeita o ERTE que Sidecu (Supera) quere aplicarlle a todo o seu persoal en Pontevedra

A empresa xestiona unha instalación deportiva que conta coa única piscina olímpica da cidade
Pontevedra - 25 Mai 2022

A federación de Servizos da CIG amosou hoxe o seu rexeitamento ao ERTE que pretende aplicarlle a empresa Sidecu-Supera aos 22 traballadores/as que ten en Pontevedra ao consideralo totalmente inxustificado. A compañía xestiona a instalación deportiva 'Rías do Sur', coa a única piscina olímpica da cidade, que permanece pechada dende o pasado 11 de marzo.

Dende a CIG-Servizos de Pontevedra explican que as instalacións que xestiona Sidecu permanecen pechadas dende o pasado 1 de abril, aínda que a empresa xa clausurara o 11 de marzo tanto a piscina como o spa. Dende o peche total das instalacións até o 22 de abril -data na que a empresa convocou a representación dos traballadores/as- o cadro de persoal non tivo coñecemento de cal era a súa situación, “xa que o seu centro de traballo permanecía pechado e os ERTE de forza maior derivados da covid remataran o 31 de marzo”.

As instalacións permanecen pechadas dende o pasado 1 de abril

O 22 de abril a dirección de Sidecu mantén unha xuntanza cos tres delegados/as de persoal (2 CIG e 1 de CCOO) na que comunican a intención de non volver abrir as instalacións e comentan que a Xunta rexeitou os ERTE de forza maior por covid que pretendían rexistrar xusto dende o día do peche, o 1 de abril. “Por iso agora queren iniciar os trámites para presentar un ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción”.

Con este obxectivo a empresa convoca a mesa de negociación o 25 de abril a para abrir o período de consultas, pero nesta reunión a CIG insta a Sidecu a comprometerse cos pagos dos salarios até que estea rexistrado o ERTE que pretende levar a cabo. En consecuencia, levántase acta na que figura que os traballadores/as permanecerán cunha licencia retribuída dende o peche do seu centro, 1 de abril, até que se rexistre o ERTE).

Unha vez iniciado o período de consultas a CIG deixa claro dende o primeiro momento que non vai asinar o ERTE se a empresa non ten intención de volver abrir o centro de traballo. “Entón aseguran que non van volver a abrir as instalacións e que a súa intención e non seguir coa concesión do centro”.

Concesión privada

O período de consultas remata sen acordo o 10 de maio. Previamente a asemblea de traballadores/as ratificara por maioría a súa negativa a un ERTE que a empresa pretende que sexa de seis meses. Para aplicalo a empresa esgrime cuestións económicas derivadas da suba dos combustíbeis, “argumento máis que cuestionábel xa que o maior dos custes da instalación é o quentamento da auga da piscina olímpica, que é subvencionado nunha boa porcentaxe por ENCE”. Ademais, o de Pontevedra é único centro dos 24 que xestiona en toda a península Ibérica que pretende pechar. “Por non falar de que teñen previsto abrir sete novos centros en Portugal, co investimento económico que isto supón”.

Dende a CIG-Servizos explican que as instalacións pertencen a unha fundación que cedeu a súa xestión mediante unha concesión privada en 2006, data na que se inauguraron as instalacións. A concesión é por 30 anos, polo que Sidecu atópase na metade da duración. Na central sindical consideran que a presentación dun ERTE cando pretenden renunciar á concesión é unha estratexia para facer reféns aos traballadores/as e gañar tempo a ver se aparece unha compañía interesada en facerse cargo da concesión. 

Finalmente, lembran que esta instalación deportiva alberga a única piscina olímpica da cidade, polo que o seu peche afecta a numerosos clubs de natación, waterpolo e natación sincronizada, así como a moitísimas persoas usuarias.