A CIG rexeita o novo ERE de Cruz Vermella que afecta ao mesmo persoal que xa fora despedido no anterior expediente

A entidade executou un despedimento colectivo en 2024 que foi anulado pola Audiencia Nacional
Nacional - 23 Dec 2025

A CIG rexeita o ERE que Cruz Vermella vén de asinar con CCOO, UGT e USO par despedir a 79 persoas no Estado español. O expediente colectivo é practicamente igual ao que a entidade social executou no ano 2024 para desfacerse de 115 persoas traballadoras e que foi anulado pola Audiencia Nacional.

Cruz Vermella recorreu a decisión xudicial e de maneira paralela formulou un novo ERE no que incluíu a moitas das persoas que xa foran despedidas e que tiñan que ser reincorporadas. De feito, se o número total de traballadoras e traballadores se reduciu con respecto ao anterior expediente é porque neste intervalo houbo persoal que solicitou a baixa voluntaria ou xa atopou outro emprego.

Durante todo período de negociacións, a empresa estivo máis preocupada en cumprir requisitos formais que en xustificar as causas organizativas e produtivas do expediente. Unhas causas que os sindicatos que non asinaron este ERE reiteraron unha e outra vez que non se sostiñan tendo en conta os importantes beneficios económicos e o aumento constante das necesidades sociais que atende a Cruz Vermella.

Neste senso, nun comunicado conxunto, CIG, ELA, Intersindical, CGT, LAB, ESK e CSI rexeitaron que os sindicatos CCOO, UGT e USO avalaran un acordo para despedir persoas “mentres os programas e proxectos nos que estas desenvolvían a súa profesionalidade e compromiso seguen existindo, pero con menos atención e coas mesmas ou maiores necesidades que cubrir”.

Advertiron das sobrecarga mental que sofren as traballadoras e traballadores precisamente pola falta de persoal suficiente: compañeiras cubrindo teléfonos de garda en soidade porque o resto está de baixa e non se substitúe, ratio de atención demenciais, xornadas parciais de menos de 10 horas semanais, ou uso de fondos públicos “baixo unha xestión empresarial que vulnera dereitos laborais. A nós non poden dicirnos que non hai traballo para as persoas despedidas”.

Fronte á precarización laboral, ao empobrecemento e á política de centralización das relacións laborais de Cruz Vermella, a CIG tamén reivindica un marco de negociación próximo aos centros de traballo no que toda a representación sindical que hai en Cruz Vermella poida participar sen exclusión e coa elección que cada persoa traballadora realizou no seu territorio.