A CIG rexeita o Plan Industrial de Ferroatlántica para Sabón porque escinde a fábrica do resto da unidade e non garante a viabilidade

O preacordo avala a operación fraudulenta de Villar Mir para segregar e vender as centrais
Arteixo - 14 Xun 2019

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Sabón quere manifestar o seu absoluto rexeitamento ao preacordo de Plan Industrial asinado na mañá deste venres entre a dirección da empresa e a representación de UGT, ao estar fundamentado na escisión da fábrica de Sabón do resto da unidade industrial e supón asumir operación fraudulenta que o Grupo Villar Mir ten en marcha para a segregación e venda das centrais hidroeléctricas.

A representación da CIG denuncia ademais que esta negociación se levou a cabo sen o pronunciamento previo da Xunta de Galiza sobre a legalidade desta operación e sen axustarse ao procedemento legal en vigor dende 1992 cando o grupo Villar Mir adquiriu os activos de Carburos Metálicos (que inclúe as fábricas de Cee, Dumbría e Sabón e as centrais e encoros da Costa da Morte)

"Coa súa actuación, a empresa está a incumprir de maneira evidente a prohibición de segregar as actividade nas fábricas de ferroalixes da explotación dos aproveitamentos hidroeléctricos", aseveran. Neste senso, reiteran que o preacordo asinado non constitúe un verdadeiro plan de viabilidade nos termos que esixe a resolución  da Xunta de Galiza do 18 de novembro de 1992 e do 21 de marzo de 1994 sobre o cambio e alteración das condicións impostas e fixas pola Administración galega en favor de Ferroatlántica SL e Banesto Leasing.

Advirten que a proposta que ofrece Ferroatlántica non garante a actividade industrial e ademais condiciona calquera inversión á escisión da fábrica de Sabón e a venda das centrais. Fronte a isto, a CIG reclama da empresa un verdadeiro plan de viabilidade para as plantas, que recolla as inversións necesarias para garantir a actividade industrial e a continuidade dos empregos e que se axuste ao establecido nas cláusulas das concesións.

A empresa négase a recoller en acta a postura da CIG

Os delegados da CIG tiveron que rexistrar un escrito de rexeitamento ao preacordo nas oficinas da empresa posto que Ferroatlántica se negou a recoller en acta ou no texto do propio preacordo a postura da sección sindical durante a negociación deste mal chamado Plan Industrial. Unhas negociacións para as que, denuncian, a empresa volveu recorrer á súa estratexia habitual de ameazas e presións, aproveitando ademais a coincidencia coa poxa de interrompibilidade da próxima semana.

 A présa por sacar adiante dito documento é tal que para hoxe mesmo está convocada unha asemblea ás 14:00 horas na fábrica para informar deste preacordo e outra asemblea ás 09:00 horas do vindeiro luns 17 de xuño. Ao longo desa xornada os traballadores e as traballadoras votarán o documento.

A CIG pide a actuación da Consellaría

A CIG tamén remitiu o escrito presentado ante a dirección de Ferroatlántica ao conselleiro de Industria para explicarlle a postura da sección sindical a respecto da negociación do plan industrial e demandarlle que tome as medidas necesarias ante a fraude e ilegalidade posta en marcha nesta fábrica.