A CIG rexeita o preacordo de convenio do metal de Pontevedra porque “había forza para conquistar moito máis”

O pactado este venres por CCOO e UGT coa patronal non atende as principais reclamacións do sector que motivaron as convocatorias de folga
Vigo/Pontevedra - 15 Mai 2026

A CIG-Industria denuncia que a sinatura este venres 15 de maio dun preacordo de convenio provincial do metal de Pontevedra entre CCOO e UGT e as patronais “traizoa” o que as persoas traballadoras do sector defenderon durante as tres recentes xornadas de folga. “Despois dunha mobilización histórica, o pactado non está á altura e constitúe un desprezo ás persoas traballadoras que defenderon na rúa a oportunidade de avanzar en dereitos”, lamentan dende a central sindical

Despois dunha mobilización histórica, o pactado non está á altura e constitúe un desprezo ás persoas traballadoras

A resposta nas fábricas, nos talleres, nos estaleiros foi contundente, e as distintas manifestacións foron masivas. “A folga foi un éxito e expresou o berro do sector. Había forza para conquistar moito máis. Pero o preacordo non responde ao que se reclamou nas rúas nin ao esforzo colectivo realizado durante días de folga e de mobilizacións”.

O preaocordo establece un convenio para catro anos, “catro anos perdidos nos que non teremos oportunidade de recuperar o que pelexamos nestes días nin de volver discutir cuestións fundamentais”. Despois dunhas xornadas de folga “que foron un éxito absoluto” a patronal consegue estabilidade e paz social, “mentres as persoas traballadoras seguimos asumindo perdas, precariedade e incerteza”.

En consecuencia, a CIG-Industria convoca asembleas de persoas traballadoras o luns 18 ás 18:00 horas na que se analizará en detalle o contido do preacordo e se adoptarán decisións a respecto das xornadas de folga convocadas.

Principais eivas do preacordo de convenio
  • Non garante unha revisión salarial ligada ao IPC durante os catro anos, o que significa abrir a porta a seguir perdendo poder adquisitivo. A suba salarial para os catro anos é do 5%, 4%, 3% e 3% respectivamente, sen mecanismos de revisión salarial agás no 2026 (ano no que hai a maior suba), topando nun 2,5% a revisión nos últimos 3 anos.

  • Non se establece a subrogación, xa que só afecta a empresas de telecomunicacións e eólicas con máis de 50 persoas traballadoras, o que a efectos prácticos non vai ter aplicación.

  • Non se recolle ningunha proposta efectiva que faga que as persoas traballadoras poidan xubilarse anticipadamente, unha reivindicación dun sector moi castigado polo esforzo físico.

  • Non hai xornada continua para os catro meses de verán, só no mes de xullo.

  • A redución de xornada de 8 horas é totalmente insuficiente e non vai ter efectos en 2026.

  • Segue a 'lei da selva' co persoal con contrato fixo descontinuo.

  • Non se poñen límites á subcontratación, mantendo as mesmas condicións de precariedade que tiñamos antes de empezar a negociar o convenio. Seguimos sen estabilidade no emprego para as persoas máis explotadas.

  • Aseguran un suposto gañado grazas á loita hai xa 20 anos e déixanse os talleres sen dereito ao plus e sen o segundo suposto para todo o sector.

  • Ofrecen unha suba insignificante de 8 euros ao mes para os oficiais de primeira nos últimos dous anos de convenio.