A CIG rexeita o preacordo de convenio das antigas caixas porque supón "traballar máis por menos salario"

Contempla tres anos de conxelación salarial, perda de parte do plus de convenio e recortes nos trienios

Nacional -

CCOO, UGT e FINE veñen de asinar un preacordo para o novo convenio colectivo de aforro que suporá conxelar os salarios durante tres anos, asumir o impago durante dous anos da parte variábel do plus de convenio e recortes tamén nos trienios. A CIG-Banca advirte que este acordo se traduce nunha perda salarial inmediata, que se consolidará no futuro, e que afecta en maior medida aos niveis retributivos que xa cobran menos e que están de xeito maioritario ocupados por mulleres.

"Traballar máis por menos salario. Ese é o escenario laboral creado polos acordos asinados por CCOO, UGT e FINE ao longo deste ano coa patronal das antigas caixas, a CECA", critica a Federación de Banca da CIG, engadindo que estes recortes se impoñen cando o persoal está asumindo unha maior carga de traballo, tarefas máis especializadas e profesionalizadas que requiren de formación e certificacións permanentes, e cando asume cada vez máis  responsabilidades na xestión das carteiras.

As melloras que se "venden" non son tal

Porén, en lugar de responder a esta nova realidade laboral a través do convenio,  CCOO, UGT e FINE aceptan unha redución das retribucións e ademais, advirte a CIG-Banca, parte das melloras que se venden "non son tal". Como exemplo, explican que o cómputo dos permisos recollido no preacordo non é máis que o traslado dunha sentenza do Tribunal Supremo; que o recoñecemento dos postos de pantallas de visualización de datos (PDV) xa se viña facendo polas xestións da CIG diante da Xunta de Galiza; e que outras cuestións que se presentan como melloras xa están recollidas en acordos de empresa.

Ao contrario, subliña a CIG, a patronal non cedeu en ningunha das reivindicacións formuladas na mesa de negociación, senón que impuxo un recorte salarial brutal "coa única resposta na rúa da CIG. Só o incremento da parte fixa do plus convenio, reivindicación que fixo a CIG, permite que os recortes teñan menos impacto nos niveis feminizados que os de anteriores convenios".

Xunto a isto, a CIG rexeita o acordo parcial sobre o rexistro de xornada, xa que permitirá continuar coa fraude actual e prolongar a xornada de traballo sen ningún tipo de control, nin compensación económica, nin cotización á Seguridade Social das horas extraordinarias. A central denuncia tamén a ampliación unilateral dos horarios en varias entidades, que aínda queda pendente de negociar o dereito á desconexión dixital (cando é obrigatoria por lei dende o 2018), e que o resto das organizacións sindicais está polo labor de darlle o visto bo ao  inxusto modelo de teletraballo de CECA.

Volver