A CIG rexeita a clasificación profesional proposta pola patronal no novo convenio da conserva de peixe

A central achega unha serie de propostas e está disposta a convocar mobilizacións se non se producen avances na negociación
O Salnés - 04 Nov 2025

A CIG rexeita o sistema de clasificación pretendido pola patronal da conserva de peixe para o convenio colectivo estatal xa que deixaría en mans de cada empresa poder facer o seu propio sistema de clasificación, descolgándose do convenio e deixando sen garantías o cadro de persoal. Ademais, inclúe unha suba salarial desigual que consolida a fenda entre grupos, ábrelle a porta á discrecionalidade empresarial e perpetúa a diferencia de soldos, polo que a central achega unha serie de propostas e está disposta a convocar mobilizacións no caso de que non se produzan avances na próxima xuntanza, fixada para o 13 de novembro en Madrid.

A FGAMT-CIG do Salnés celebrou onte en Vilagarcía unha asemblea de persoas delegadas do sector da conserva para abordar o estado da negociación do convenio colectivo estatal e a proposta achegada polo empresariado o pasado 28 de outubro “tras un ano de inmobilismo”.

A patronal pretende incorporar un novo un sistema de clasificación profesional de nove niveis segundo as agrupacións das valoración dos postos de traballo, ademais de establecer a posibilidade de que cada empresa faga o seu propio sistema de clasificación, descolgándose do convenio deixando sen garantías o cadro de persoal e rachando o convenio común do sector.

Contempla tamén subas salariais desiguais “que dan máis a quen menos necesita e que consolidan a fenda entre grupos, con incrementos moi elevados nas categorías superiores e mandos intermedios e case nulos nas do persoal de fabricación, e sen garantías de igualdade”. Ao mesmo tempo, a proposta é moi ambigua á hora de definir os niveis de man de obra directa, “o que abre a porta á discrecionalidade empresarial e a perpetuar desigualdades salariais”.

Pola súa banda, a CIG defende un novo sistema de clasificación profesional baseado na valoración de postos de traballo, “pero claro e transparente, que non dea pé a discrecionalidades nin a decisións de encadramento arbitrarias por parte da patronal”. Para iso é preciso definir cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor).

Débeda histórica co persoal de fabricación

Reclama ademais complementos obxectivos e regulados no convenio (quendas, frío, perigosidade, polivalencia, etc.). “É unha débeda histórica deste sector que se lle recoñeza ao persoal de fabricación certas condicións e coñecementos específicos”. Así como demanda que se pacte en que nivel se sitúa cada actual categoría e asignar o persoal a cada nivel en función do súa categoría actual e do traballo que realmente realiza.

Outras proposta pasan por unha suba lineal en todos os niveis, asegurando uns salarios dignos para todo o persoal, cun 5% de incremento en todos os conceptos retributivos cada ano de convenio (2025, 2026 e 2027); promoción automática aos dous anos nos postos de traballo; igualdade retributiva, xa que hai empresas que se resisten a mellorar as categorías laborais ás traballadoras e teñen conxelada a aplicación e promoción de auxiliares a oficiais.

Mais tamén a mellora de todas as licenzas e permisos retribuídos e que se computen en días laborais; reducir a xornada laboral anual máxima(para 2025 será de 1.715 horas, para 2026 de 1.700 horas e para 2027 de 1685 horas); que o tempo de descanso do bocadillo sexa considerado tempo efectivo de traballo; e 31 días laborábeis de vacacións.