A CIG rexeita os abusivos servizos mínimos impostos polo Concello da Coruña para a folga dos autobuses urbanos

A actividade para o paro do luns 16 de novembro está fixada no 70% mentres que na folga xeral se estabeleceron presencias do 54%
A Coruña - 13 Nov 2026

A CIG rexeita e manifesta o seu total desacordo cos servizos mínimos impostos polo Concello da Coruña para a xornada de folga que terá lugar vindeiro luns, 16 de novembro, no servizo do transporte urbano municipal, concesionado á empresa Tranvías da Coruña.

Para esta xornada, o Concello impuxo unha actividade obrigatoria do 70% superando con moito os servizos mínimos decretados para a folga xeral do 11 de novembro, que quedaron fixados no 54%. A CIG non entende que criterios segue agora o Goberno local para elevar un 16% máis a actividade, cando a folga do luns se fará nun día laborábel de condicións similares ás que se poden dar nun mércores.

“Hai unha evidente diferenza entre os mínimos da folga xeral e os mínimos da folga convocada polo convenio colectivo de Tranvías da Coruña”, advirte Ernesto López, responsábel de Acción Sindical da CIG da Coruña.

Neste senso, agarda “que o Goberno de Inés Rei reflexione e rectifique, porque non se poden estabelecer uns servizos mínimos que respectan o dereito fundamental á folga por funcionalidade política do PSOE e, en cambio, impor uns mínimos abusivos cando o conflito é directamente contra a empresa polo convenio colectivo”.

De igual xeito, a CIG demándalle ao Concello da Coruña que asuma a súa responsabilidade como como titular da concesión, medie no conflito para desbloquear a negociación colectiva e traballe para que se garantan unhas condicións laborais e salariais dignas para o persoal que presta este servizo público esencial.