A CIG rexeita os despidos en Edicións Xerais de Galicia

A decisión sería consecuencia do proceso de centralización da produción iniciado por Anaya
Nacional - 14 Abr 2018

A CIG vén de amosar o seu rexeitamento ao despido de tres traballadores de Edicións Xerais de Galicia como consecuencia do proceso de centralización da produción que está levar a cabo a editorial española Anaya, propietaria da empresa con sede en Vigo.

Mediante este proceso de substitución do traballo de produción estase a reducir o papel de Xerais, “nunha visión centralista xa avanzada noutras zonas do Estado español”. Este proceso planificado responde a unha estratexia definida pola dirección de Anaya para limitar a autonomía de Xerais co obxectivo de asumir a súa produción, “estratexia que contou coa colaboración de parte da propia dirección de Xerais”.

Durante o proceso tivo lugar a revogación da delegada de persoal da CIG e a súa substitución por un representante de CCOO, tras o que agora se produce o despedimento de tres traballadores e a “saída voluntaria” do seu director, Manuel Bragado.

En defensa dos postos de traballo

A CIG rexeita os despedimentos, manifesta a súa solidariedade cos compañeiros afectados e lembra que estas persoas amosaron sempre unha actitude responsábel e dilixente fronte a unha dirección que coa súa mala xestión propiciou o que agora está a acontecer na empresa. A central considera totalmente inxustificada a decisión e adianta que fará todo que estea na súa man na defensa destes postos de traballo.

Finalmente, dende a CIG amosan a súa preocupación polo futuro e a supervivencia dun proxecto editorial fundado hai xa case catro décadas e que durante moitos anos xogou un papel fundamental no universo da cultura literaria galega.