A CIG rexeita os intentos de perseguir o activismo solidario co pobo palestino

A central apoia a concentración nos xulgados de Ferrol en solidariedade co compañeiro Bruno Lopes, acusado de antisemitismo polo seu activismo antisionista
Ferrol - 30 Xul 2026

A CIG apoia e chama a participar na concentración convocada para este venres, 31 de xullo, ás 10h, diante dos xulgados de Ferrol en solidariedade co compañeiro Bruno Lopes Teixeiro, quen acudirá a declarar acusado de antisemitismo polo seu activismo antisionista.  A central reitera o seu absoluto rexeitamento á persecución contra activistas e os intentos de intimidar e criminalizar as mostras de solidariedade coa Palestina.

O proceso contra Lopes abriuse tras da denuncia de oficio da Brigada de Información da Garda Civil polas súas publicacións nas redes sociais rexeitando o xenocidio palestino así como a complicidade dos gobernos occidentais co sionismo israelí. A CIG pide que se arquive, de xeito inmediato, esta infundada acusación, que pretende confundir  de maneira deliberada antisionismo con antisemitismo e representa, máis unha vez, un ataque ao activismo social, antiimperialista, antifascista, e defensor da soberanía dos pobos.

Para a central nacionalista esta denuncia constitúe un ataque á liberdade de expresión e enmárcase na estratexia de persecución ás persoas e movementos sociais que se mobilizan a prol da causa palestina, na defensa do dereito de autodeterminación dos pobos e para denunciar a limpeza étnica e as atrocidades cometidas polo estado sionista na faixa de Gaza e nos demais territorios ocupados.

Deriva represiva

Este proceso non se pode separar da actual deriva represiva coa que se pretende controlar a disidencia e silenciar a clase obreira e que ten un dos seus principais instrumentos na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza, aprobada polo Partido Popular hai xa 11 anos e que, malia os compromisos adquiridos, segue sen ser derrogada polo actual Executivo de PSOE-Sumar.

Neste senso, a CIG considera abusiva a presenza e participación dos dispositivos policiais en todo tipo de manifestacións, concentracións e accións reivindicativas, nomeadamente nas de carácter laboral e social. E rexeita as identificacións arbitrarias, as sancións administrativas e os procedementos xudiciais cos que se que persegue desmobilizar e ocultar tanto a resposta social fronte ás situacións de inxustiza como a defensa dos dereitos laborais e sociais.

Resulta absolutamente inaceptábel que o exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, de reunión e de manifestación sexa obxecto de persecución, así como a evidencia incapacidade e a falta de vontade política do Goberno español para cumprir coa súa promesa de derrogar esta norma.

ANTISIONISMO NON É ANTISEMITISMO

GALIZA CON PALESTINA