A CIG rexeita que o Goberno español recorra á Lei Mordaza para sancionar as protestas durante o estado de alarma

A Subdelegación da Coruña propuxo sancións de até 900€ a varias persoas da central

Nacional -

A CIG realizou unha concentración este venres na Delegación do Goberno na Coruña con motivo da entrega dos escritos de alegacións ás propostas de sancións recibidas por diversas persoas da central sindical pola súa participación nas concentracións que tiveron lugar os días 23 e 28 de abril para esixir medidas de protección laboral e social para a clase traballadora e que os custes da emerxencia sanitaria non recaian, unha vez máis, sobre as maiorías sociais.

No decurso ou no remate desas concentracións de abril, nas que participaron arredor de 15 persoas coas correspondentes medidas de seguridade, a policía procedeu a identificar a varias das  asistentes alegando un incumprimento das restricións á mobilidade decretadas no estado de alarma.

Malia que as protestas tiveron lugar nas sete cidades galegas, a única administración que abriu procesos sancionadores foi a Subdelegación da Coruña, propondo multas que van dos 601 aos 900 euros, en base a unha suposta infracción grave do artigo 36.6 da Lei orgánica 4/2015, de protección da seguridade cidadá, máis coñecida como a Lei Mordaza.

"O primeiro que hai que salientar é que no estado de alarma non cabe a suspensión do dereito fundamental de reunión, recoñecido na constitución e no ordenamento xurídico", destacou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a protesta deste venres na Delegación. Xunto a isto, criticou a arbitrariedade coa que a Administración actúa contra da CIG,  tendo en conta "que se propón sanción a persoas que nin sequera participaron nas concentracións".

Intento de cercenar dereitos fundamentais

Carril subliña que o exercicio de reunións ou manifestacións durante a vixencia do estado de alarma é posíbel sempre que se contemplen as medidas de distanciamento necesarias e non concorran motivos para a súa prohibición, como é o caso das protestas que realizou a CIG. Neste sentido engadiu que non foron poucos os centros de traballo nos que, ante a falta de medidas de seguridade e o total desamparo na protección da saúde dos traballadores e traballadoras, se realizaron concentracións moito máis numerosas que as que fixo a CIG e que agora a Subdelegación da Coruña pretende sancionar.

"Hoxe vimos aquí denunciar como se utilizou o estado de alarma para cercernar dereitos fundamentais, converténdoo nun auténtico estado de excepción, nunha nova lei mordaza. Parece que nos queren calar para que non denunciemos os absusos patronais e o confinamento dos nosos dereitos ", aseverou Carril, quen lembrou que a actividade sindical estaba "perfectamente excepcionada do estado de alarma".

Referiuse á doutrina recente dos tribunais españois, admitindo tamén a realización de concentracións ou manifestacións durante o estado de alarma declarado como consecuencia da pandemia de covid-19, "aplicando un xuízo de proporcionalidade entre a finalidade de protección da saúde e o exercicio do dereito fundamental de reunión".

Apuntou ademais, que a Lei Orgánica que regula os estados de alarma, excepción e sitio establece que á finalización da vixente destes decaen as actuacións adoptadas polas autoridades en materia sancionadora; e en todos os casos as sancións propostas teñen como único fundamento un suposto incumprimento das restricións á libre circulación do artigo 7 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo".

Nesta liña, valorou que non deixa de sorprender que as propostas de sancións sexan todas comunicadas no mes de xuño, co estado de alarma a piques de rematar ou xa levantado. "Son como un castigo extemporáneo, un intento de reprimir e acalar o que pasou nestes meses e intimidar ante a actual crise social e económica".

Volver