CONVOCATORIA REXISTRADA:
Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración
Dirección Xeral de Relacións Laborais
Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral
Con copia: Consellaría de Facenda e Administración Pública
Delegación do Goberno de España
Federación Galega de Municipios e Provincias
Confederación de Empresarios de Galicia
CONVOCATORIA DE FOLGA XERAL
Paulo Simón Carril Vázquez, en representación do sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), do cal é secretario xeral, comunica que:
PRIMEIRO. En exercicio do dereito fundamental de folga, que o artigo 28.2 da Constitución recoñece para a defensa dos intereses das persoas traballadoras, a Executiva confederal da CIG decidiu convocar unha folga xeral que afectará todas as actividades desempeñadas polas persoas traballadoras de empresas privadas, sexa cal for a súa forma xurídica, e polas persoas empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galiza.
SEGUNDO. Mediante este escrito, e consonte ao disposto nos artigos 3 e 4 do Real Decreto-lei 17/1977, do 4 de marzo, a CIG procede a comunicar formalmente a decisión adoptada, cunha antecedencia de máis de dez días naturais e coa indicación de que a folga afecta empresas, administracións e organismos que prestan actividades e servizos esenciais para a comunidade.
TERCEIRO. A folga terá lugar o día 11 de novembro de 2026, comezando ás 00:00 horas e rematando ás 24:00 horas, coas salvidades que se indican a continuación:
– Nas empresas, administracións e organismos que teñan varias quendas de traballo, o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas do día 11 de novembro, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24:00 horas do día 11 de novembro. Así mesmo, naquelas empresas que teñan unha única quenda de traballo que comece antes das 00:00 horas do día 11 de novembro, o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 11 de novembro na hora en que conclúa esta.
– Para garantir a cobertura informativa do paro, nas empresas do sector do xornalismo e medios de comunicación, a folga convocada terá lugar no período comprendido entre as 07:00 horas do día 10 de novembro de 2026 e as 24:00 horas do día 11 de novembro de 2026, correspondendo ás persoas traballadoras de cada centro de traballo a determinación do horario de folga dentro do período de referencia.
CUARTO. Os motivos da folga son os seguintes:
- A clase traballadora galega denuncia que o medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida
- En setembro de 2026, o IPC de Galiza rexistrou unha suba interanual do 4,9 %, fronte ao 4,3 % no conxunto do Estado. Este aumento incontrolado da carestía da vida está levando á ruína o pobo e as clases traballadoras galegas. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade hai que engadir os elevados custos da vivenda, unha grave deterioración dos servizos públicos e retroceso nas políticas sociais.
- Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola seca, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os Estados Unidos teñen en marcha, que conta coa obediencia da Unión Europea e co entreguismo do Estado español. Perigosa deriva militarista que está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN.
- Unha inflación que está aumentando as débedas das familias, polo que moitas delas se ven impedidas de poderen mercar bens e servizos básicos. Un encarecemento da vida que multiplica os efectos negativos que xa veñen causando as precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais (a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT, etc.,), que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos.
- A clase traballadora galega denuncia que na Galiza se está a conculcar o dereito a unha vivenda digna:
- A crise da vivenda na Galiza é, sobre todo, un problema de clase: mentres milleiros de traballadoras e traballadores, mocidade e familias teñen cada vez máis dificultades para acceder a unha vivenda digna, o país conta con arredor de 506.370 vivendas baleiras, o 30% do parque residencial, e concentra aproximadamente o 13% das vivendas desocupadas do Estado malia representar apenas o 6% da súa poboación. E non se trata só dun problema do rural: estímase que hai unhas 31.000 vivendas baleiras na Coruña, 13.000 en Vigo, 6.000 en Santiago, 6.055 en Pontevedra e 5.500 en Vilagarcía.
- Mentres tanto, só A Coruña e Santiago de Compostela contan actualmente coa declaración de zona de mercado residencial tensionado, polo que boa parte das medidas previstas na normativa de vivenda só poden aplicarse nestes dous concellos.
- A Xunta anunciou 163 millóns de euros para a construción de vivenda pública, unha cifra que contrasta cos 125 millóns destinados ao Xacobeo 2027, mentres continúa predominando un modelo de vivenda protexida de carácter temporal fronte á reivindicación dun parque público de vivenda en alugueiro e de titularidade pública permanente.
- A proliferación de vivendas de uso turístico e de tempada, xunto coa expansión da trama urbana en territorios con perda de poboación, está provocando unha transformación do parque residencial con importantes consecuencias económicas, sociais, culturais e ambientais.
- Os salarios baixos, a precariedade laboral e o encarecemento dos alugueiros obrigan cada vez a máis persoas traballadoras a dedicar unha parte desproporcionada dos seus ingresos á vivenda, a compartir piso, a afastarse dos seus centros de traballo ou mesmo a abandonar as súas vilas e barrios.
- A consecuencia de todo isto é clara: quen traballa na Galiza non ten garantido poder vivir nela. A vivenda deixou de ser simplemente un problema residencial para converterse nun factor de precarización da clase traballadora, de expulsión da poboación dos seus territorios e de transferencia de renda desde os salarios cara á propiedade inmobiliaria.
- A clase traballadora galega rexeita uns salarios insuficientes diante dun custo de vida en aumento e a crise da vivenda
- Segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial do INE, publicada o 28 de maio de 2026, o salario medio bruto anual en Galiza foi de 26.547,27 euros en 2024, fronte aos 29.540,26 euros da media estatal. A diferenza foi de 2.992,99 euros anuais, un 10,1 % menos. Este nivel non é suficiente para cubrir as necesidades básicas se consideramos o encarecemento do custo da vida, nomeadamente nos bens de primeira necesidade.
- A media salarial galega fica por baixo da estatal e non expresa a situación de todas as persoas traballadoras: unha media estatística pode ocultar salarios inferiores e diferenzas por xornada, sector e sexo. En Galiza, a ganancia bruta anual media das mulleres foi de 24.551,26 euros en 2024, fronte aos 28.637,65 euros dos homes, segundo a mesma enquisa.
- Segundo o informe do Observatorio da Vivenda publicado o 6 de outubro de 2026, a renda mensual media dos contratos de alugueiro rexistrados en Galiza no segundo cuadrimestre de 2026 —maio a agosto— foi de 630,8 euros. Supón unha suba do 3,2 % respecto do mesmo período de 2025 e do 4,8 % respecto do primeiro cuadrimestre de 2026. Nas sete grandes cidades, a media foi de 696 euros mensuais.
- O mesmo informe sitúa no 31,7 % o indicador de esforzo de acceso ao alugueiro en Galiza no segundo trimestre de 2026. A presión sobre quen percibe salarios inferiores á media reforza a necesidade de rendas accesíbeis e de alternativas públicas.
- O parque público de vivenda é escaso, e o acceso á vivenda digna convértese nunha barreira estrutural que pesa sobre unha clase traballadora empobrecida.
- Uns salarios que apenas chegan a cubrir necesidades básicas, uns prezos da vivenda en constante escalada e a falta de alternativas habitacionais, xeran unha situación insustentábel para moitas persoas traballadoras e as súas familias.
- A clase traballadora galega denuncia a perda acumulada de poder adquisitivo
- A repunta nominal do salario medio rexistrada en 2024 non compensa as perdas acumuladas nos anos anteriores en termos reais.
- A presión dos prezos continúa en 2026: a inflación interanual en Galiza foi do 4,8 % en agosto e a dos produtos enerxéticos do 18,1 %. Cando as retribucións non medran abondo para compensar os gastos necesarios, diminúe a capacidade de compra e aumenta a vulnerabilidade económica dos fogares.
- A inflación e os custos enerxéticos (electricidade, combustíbel) seguen a presionar os fogares, reducindo o consumo discrecional e aumentando a vulnerabilidade económica.
- Moitas persoas traballadoras ven como unha parte significativa do seu salario mensual queda consumida por gastos fixos (hipoteca, aluguer, luz, calefacción), deixando pouca marxe para o aforro, os coidados e o lecer.
- A clase traballadora galega rexeita a desindustrialización, a destrución de emprego, a precariedade e a criminalización das persoas en baixa laboral
- Entre 2008 e 2022, o sector industrial galego perdeu arredor de 40.000 empregos.
- A EPA do segundo trimestre de 2026 estima 184.100 persoas ocupadas na industria en Galiza, sobre un total de 1.172.000 persoas ocupadas: arredor do 15,7 %. Os servizos concentran 843.500 persoas, aproximadamente o 72,0 % da ocupación
- A crise industrial relega a Galiza a ser unha economía de servizos con maior externalización e menor nivel salarial, o que incrementa a precariedade laboral.
- Moitos dos novos postos de emprego creados son, a tempo parcial, con contratos de poucas horas ou de carácter fixo-descontinuo, o que multiplica a incerteza e debilita a estabilidade das persoas traballadoras.
- A Xunta de Galiza e a patronal levan meses instalados nunha intensa campaña de mentiras e falsidades culpabilizando as persoas traballadora por estaren en incapacidade temporal. A recente aprobación pola Xunta de Galiza( resultado do acordo coa UGT e a CEG) do Plan integral é un paso máis na campaña do Goberno galego na criminalización das baixas médicas, no papel abusivo das mutuas e na privatización da sanidade pública, mentres seguen sen se adoptar medidas ante o empeoramento da saúde laboral das persoas traballadoras, a precariedade laboral e os recortes na sanidade pública, verdadeiras causas das IT. Estamos ante Plan que malgasta e despilfarra diñeiro público para as empresas, o negocio das mutuas e o sector privado a conta da saúde das persoas traballadoras.
- A clase traballadora galega denuncia a pobreza laboral e o risco persistente de exclusión social
- Segundo a Enquisa de Condicións de Vida de 2025, publicada polo INE en febreiro de 2026, o 22,1 % da poboación galega estaba en risco de pobreza ou exclusión social —taxa AROPE—. A taxa de risco de pobreza foi do 16,0 %, e a carencia material e social severa afectou o 7,1 % da poboación.
- Os datos amosan a necesidade de reforzar a protección social e o acceso aos bens e servizos básicos tanto nas áreas urbanas como especialmente nas rurais.
- Milleiros de fogares continúan en risco de exclusión social e dependen de medidas de emerxencia.
- A crise da vivenda o custo crecente dos bens e servizos básicos elevan o risco de que persoas con traballo aínda non cheguen a cubrir os seus gastos fundamentais, o que se considera “pobreza laboral”.
- A clase traballadora galega rexeita o despoboamento, a desigualdade territorial e o deterioro dos servizos públicos
- Moitas bisbarras, sobre todo do interior de Galiza, sofren perda continuada de poboación, falta de servizos básicos (transporte, saúde, cultura) e escaseza de oportunidades laborais.
- Estas dinámicas agrávanse co proceso acelerado de urbanización: as áreas urbanas concentran recursos, investimento e poboación, entanto que as zonas rurais entran nun círculo de declive, convertidas en “zona de sacrificio” para proxectos industriais depredadores e castigadas polos incendios forestais.
- A redución do tecido económico local imposibilita alternativas para quen vive nelas, empurrando moitas persoas a emigraren cara ás cidades ou a abandonaren o país.
- En situacións de transformación ecolóxica ou enerxética, sen políticas específicas para reequilibrar territorios, as comarcas interiores pagan o custo ambiental e social e non reciben os beneficios económicos.
- A clase traballadora galega denuncia que fronte a esta realidade, o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astronómicos.
- O IBEX 35 fulmina resultados e as empresas chegan a cifras nunca antes rexistradas. Velaí os últimos datos feitos públicos polas empresas enerxéticas, os bancos ou as do sector do comercio da alimentación, etc.
- As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital. A presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permítelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios.
- Todo isto pasa cando o capitalismo está nunha tendencia cada vez máis reaccionaria no social, no económico e no político. Alentan a ultradereita, a extrema dereita e o fascismo (que no noso caso é fomentando a ideoloxía españolista, a negación da realidade plurinacional do Estado español). Repiten o xa feito noutros momentos da historia: reforzar os mecanismos de explotación e represión ante o aumento do descontento social pola dureza das súas políticas económicas que xeran desemprego, baixos salarios e aumento da pobreza.
CUARTO. O obxectivo da folga é reclamarmos da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque baseado no principio “Queremos vivir dignamente”, coas seguintes medidas:
- Paralización do aumento do gasto militar e anular o que se ten aprobado para destinalo á protección social, servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.
- Intervención pública nos sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade para garantir uns mínimos de benestar social para as persoas traballadoras.
- Fixación nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea (60% do salario medio). Garantir o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais. Aprobar a descentralización do SMI para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal.
- Promoción do dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.
- Fixación por lei de prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación.
- Prohibición dos desafiuzamentos, conxelación das cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.
- Aprobación dun Plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervención do mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar, que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores. Creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.
- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. Así mesmo, aprobar unha reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, eliminar o mercado marxinalista e cambiar o sistema de fixación de prezos e desvincular o prezo da electricidade do prezo do gas.
- Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.
- Reforzo dos servizos de mobilidade aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.
QUINTO. En canto ás xestións realizadas para resolver as diferenzas, debemos indicar que a CIG, na súa condición de sindicato máis representativo a nivel da Comunidade Autónoma de Galiza, participa nos órganos de participación institucional da Administración Xeral do Estado, achegando a súa lexítima visión nacionalista e de clase sobre o modelo de relacións laborais e protección social. Igualmente, todos os anos elabora e formula propostas no marco das consultas para a elaboración dos Planos Estatais de Acción para o Emprego que desde 1997 ten a obriga de presentar o Goberno español á Comisión Europea.
O 21 de setembro de 2026 a CIG presentou unha campaña de acción sindical baixo o lema “A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente”. A CIG reclama que a Xunta de Galiza e o goberno do Estado aproben un Plan de Choque no que se articulen medidas para frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora, por mor da suba xeneralizada dos prezos.
SEXTO. O comité de folga estará integrado polas seguintes persoas:
- Paulo S. Carril Vázquez
- Susana Méndez Rodríguez
- Anxo Noceda Carballo
- Francisco González Sío
- Francisco Xabier Cartelle Pérez
- María Xosé Alonso Rodríguez
- Margarida Corral Sánchez
- Dores Martínez Castelo
- Lucía Freire Ces
- Renato Núñez da Silva
- Paulo Rubido Bará
- Antonio Mera de la Fuente
O comité de folga delega nas estruturas sindicais da CIG e na representación sindical que en cada caso se designe para os efectos de negociar servizos mínimos, servizos de mantemento e outras cuestións operativas relacionadas co desenvolvemento da folga.
Por conseguinte, solicita que teña por preavisada esta folga nos termos legais.
En Compostela, o 13 de outubro de 2026.
Paulo Simón Carril Vázquez
Secretario xeral da CIG