A CIG-Salnés mobilízase polo recoñecemento da covid-19 como enfermidade profesional

Na protesta no hospital comarcal participou persoal sociosanitario, de coidados e ambulancias
O Salnés - 22 Feb 2021

A CIG-Salnés desenvolveu hoxe unha concentración diante do hospital comarcal no marco da campaña que está a desenvolver a central sindical para reclamar o recoñecemento da covid-19 como enfermidade profesional para todo persoal que traballa na sanidade e no sector sociosanitario que foi privatizado, así como para o persoal do sector das ambulancias ou o que presta servizos públicos a través de empresas privadas, nomeadamente no sector dos coidados.

Dende a central lembran que o Real Decreto Lei 3/2021 que regula este recoñecemento resulta “discriminatorio” ao excluír da súa aplicación a todos estes colectivos laborais, malia que tamén traballan no sistema publico, só que a súa relación laboral é coas empresas privadas.

O responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, que participou nunha protesta na que tamén estiveron presentes profesionais dos coidados e das ambulancias, incidiu no carácter “discriminatorio, restritivo, excluínte, sectario e arbitrario” da decisión, tanto polas medidas adoptadas como polas formas e aplicacións.

Ademais, denunciou que segundo os datos que baralla a central sindical, alomenos un 25% do persoal galego ao que tería que darlle cobertura este recoñecemento “quedaría excluído por esta medida”.

Finalmente, explicou que a CIG-Salnés está a levar a cabo asembleas e encontros con persoal afectado “para que teña un coñecemento máis detallado da medida” e para que sexa consciente da importancia de mobilizarse para lograr o recoñecemento da covid como enfermidade profesional.