A CIG saúda que por fin se reclame o 4º Xulgado do Social para Lugo, pero pide celeridade na súa creación

A central sindical vén demandado esta nova sala dende o ano 2015

Lugo -

A CIG amosa a súa satisfacción polo feito de que a Comisión Mixta de Xustiza reclame por fin a creación do cuarto Xulgado do Social en Lugo, un órgano que a central sindical vén reivindicando dende o ano 2015 cunha campaña que incluíu diversas concentracións, roldas de prensa e unha manifestación o pasado 25 de outubro. A necesidade de contar con esta nova sala do Social queda patente se temos en conta que se están a realizar citacións nos procedementos non urxentes (reclamacións de cantidades, incapacidades, etc.), para abril de 2021.

A central sindical entende que o cuarto xulgado do Social debería terse posto en marcha moito antes para non chegar aos niveis de colapso actuais, que supoñen enormes trastornos para os traballadores e traballadoras afectadas, a tal punto de que moitas persoas renuncian a facer reclamacións de salarios porque saben que terán que agardar como mínimo dous anos. Unha situación da que se está a aproveitar a patronal.

A este respecto, a CIG de Lugo-A Mariña esixe que, unha vez aprobada a súa creación polo Ministerio de Xustiza, se resolvan o máis axiña posíbel os trámites para a súa implantación, xa que por experiencias anteriores, "e sendo optimistas, posibelmente até outubro de 2019 este novo xulgado non estará operativo".

Por iso, a central sindical pide celeridade e que se tomen medidas provisionais durante este tempo, como a reposición da xuíza de reforzo que foi retirada sen previo aviso o pasado mes de xuño, provocando que procesos de carácter ordinario que estaban fixados para ese mesmo mes ficaran aprazados até o 28 de outubro de 2020.

Recortes en Xustiza e incremento das demandas

Nos últimos anos a administración de Xustiza -ao igual que o resto da área pública- tamén sufriu recortes de persoal e amortización de prazas, que xunto co incremento das demandas e reclamacións a causa da crise económica e das contrarreformas laborais, axudaron a agravar a saturación dos xulgados do Social.

Non obstante, hai que subliñar que o colapso que vive a xurisdición Social en Lugo non se debe á lentitude nas resolucións, -o índice de solución de asuntos é superior ao que se dá en cidades como Pontevedra ou Ourense-, senón á acumulación continuada no tempo de expedientes pola falta do cuarto xulgado.

Neste senso, cómpre lembrar que, exceptuando A Coruña e Vigo (cidades que case triplican a poboación da capital lucense), Lugo é cidade galega na que máis asuntos entran nos xulgados do social, cunha taxa moi superior á que se rexistra en Compostela (1.026 fronte a 919).

Volver