A CIG-Saúde apoia a concentración convocada contra o desmantelamento do Meixoeiro

A mobilización, promovida pola Xunta de Persoal e SOS Meixoeiro, terá lugar este mércores ás 18.00 horas
Vigo - 31 Mai 2016
A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de amosar o seu apoio á mobilización convocada este mércores no hospital Meixoeiro ás 18.00 horas para rexeitar o desmantelamento do centro. A protesta, promovida pola Xunta de Persoal e SOS Meixoeiro, consistirá nunha concentración na entrada principal do edificio.

Segundo indican os colectivos promotores, con esta mobilización preténdese reclamar a apertura de todas as camas da área de hospitalización, a posta en funcionamento da unidade de doentes críticos e a implementación dun plan de choque para rematar coas “escandalosas” listas de espera, ademais de rexeitar calquera derivación de pacientes a clínicas ou hospitais privados.

 Precisamente coa intención de evitar o desmantelamento do centro médico, a Xunta de Persoal do Chuvi vén de facer público un documento no que se achegan unha serie de alternativas para o Meixoeiro e no que repasan as tomas de decisión que levaron a ter un novo hospital "que non cumpre coas condicións para o que foi creado e que non se acompañou do desenvolvemento do conxunto da área sanitaria, incluída Atención Primaria”.

O texto completo pódese consultar a continuación:

Dende finais dos anos 90 era unha evidencia que a área sanitaria de Vigo necesitaba introducir melloras nos recursos sanitarios, tanto en Atención Primaria como en Hospitalaria. Tamén era evidente que o modelo de sectorialización da área sanitaria, con dous hospitais xerais públicos (Xeral e Meixoeiro) e un privado (Povisa) cada un co seu sector de poboación asignado, non facía máis que debilitar a nosa capacidade de aportar recursos e traballar pola excelencia. Mentres outras áreas apostaban por ser referencia para temas punteiros: transplantes, cardioloxía, neurociencias, etc., a nosa área diluíase en competencias internas. Mentres outras áreas apostaron, desde o inicio, pola reforma da Atención Primaria, a nosa mantivo o modelo de ambulatorios e retrasou a posta en marcha e extensión dos Servizos e Unidades de Atención Primaria.

En marzo de 2001 a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Vigo presentou o informe “Revisan 2000” no que se afirmaba que a bisbarra necesitaba ampliar a súa oferta hospitalaria cun gran centro sanitario dotado dun alto nivel asistencial, e capacitado para a investigación e a docencia, e se dicía que a área debería ser referente para o tratamento do cancro en Galiza.

O documento deixaba aberta unha dobre posibilidade para emendar as carencias sanitarias no ámbito da Atención Hospitalaria: Crear un novo hospital ou converter o Meixoeiro no núcleo dun novo complexo hospitalario; pero en todo caso o novo centro debería ter capacidade para acoller as unidades de apoio docente e investigador e dotar á área da totalidade das especialidades sanitarias de referencia, especialmente na atención materno infantil, dada a súa relevancia numérica, xa que Vigo era a única cidade do país que continuaba gañando poboación.

Tamén se valoraba que se agrupara a planificación e a organización da asistencia sanitaria baixo unha xerencia única para a Atención Especializada.

O informe propoñía tamén que a investigación e o tratamento oncolóxico foran punta de lanza da área de Vigo, do mesmo xeito que o desenvolvemento do servizo de transplantes de órganos o era para a área da Coruña.

O debate continuou até o ano 2006, no que se aprobou o “Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo” asinado pola Consellería de Sanidade, os sindicatos CC.OO. UGT e CIG, a Confederación de Empresarios, a Universidade de Vigo e a empresa Povisa.

No marco de dialogo que se estableceu no “Acordo Básico” pretendíase determinar as medidas que garantiran:

-A sustentabilidade financeira do sistema sanitario público de Galiza.

-A capacidade de planificación do sistema sanitaria galego, que residirá nos poderes públicos.

-A superación dos déficits estruturais da asistencia sanitaria pública na área sanitaria de Vigo sobre a base do incremento dos recursos de Atención Primaria e do acordo de dotación do novo hospital.

No “Acordo Básico” xa se apostaba definitivamente por facer un novo hospital que rematara coa fragmentación anterior da Atención Especializada e potenciara a Atención Primaria nun novo deseño da área sanitaria e permitira incrementar os recursos e a utilización integrada dos existentes.

O obxectivo do centro era dotar de todos servizos de Atención Hospitalaria e da capacidade para atender ao 100% da cidadanía. A porta de entrada de Urxencias estaría situada no novo hospital, onde estarían os recursos asistenciais necesarios para atender as patoloxías agudas e emerxencias, e contaría con accesibilidade para o conxunto da área sanitaria a través dos diferentes medios de transporte sanitario (ambulancias e helicóptero).

Nese deseño inicial reservábase para o Meixoeiro un papel de especial importancia como hospital especializado en Oncoloxía, para tirar partido da tecnoloxía xa alí instalada, e tamén actividade relacionada coa cirurxía maior ambulatoria, traumatoloxía, xeriatría e medicina interna, mantendo 422 camas activas.

O Álvaro Cunqueiro, segundo a Consellaría, tería 1465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e ás 117 do Nicolás Peña farían un total de 2004 camas no conxunto do Chuvi.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou, o 5 de febreiro de 2009, as condicións da licitación das obras do novo hospital de Vigo e como consecuencia se asinou o Convenio Específico entre o Sergas e a Sociedade Pública de Investimentos, no que se establecía, no Plan Económico Financeiro da Sociedade Pública de Investimentos para o ano 2009, unha provisión inicial de fondos de 300 millóns de euros. O custe final da construción sería de 374.371.630 euros, IVE incluído.

A licitación non se chegou a realizar, pese ás demandas da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo, por que o Partido Popular gañou as eleccións ao Parlamento de Galiza en marzo do 2009.

Tras constituírse o novo Goberno da Xunta, e xa coa desculpa da crise económica, comezaron a tomar medidas que mudarían de xeito dramático os plans de actuación para a nosa área sanitaria. A primeira delas a supresión do Plan de Mellora da Atención Primaria, no que se enmarcaba un importante investimento en recursos humanos e materiais para a área de Vigo. A segunda o cambio de modelo do novo hospital de Vigo, abandonando o Convenio Especifico coa Sociedade Pública de Investimentos e apostando pola colaboración “público-privada”.

O Sergas modificou o plan funcional e financeiro inicial e licitou a construción do Novo Hospital en Beade, e a prestación dos servizos “non clínicos” tanto no Novo Hospital como no do Meixoeiro e Nicolás Peña.

O resultado foi un hospital privado

Como consecuencia do modelo de licitación, o novo hospital é privado e está no balance contable da sociedade concesionaria como un activo financeiro, por importe de 232.000.132,58 €, que é o valor estimado dos custes de construción. A Sociedade Concesionaria arrendarallo ao Sergas mediante un canon durante 20 anos que nos custará 1.414.067.091 € IVE incluído.

Este canon anual componse de tres partes: unha, o aluguer do edificio (659.561.032 €); a segunda, a prestación deses servizos “non clínicos” nos tres hospitais de Vigo (500.000.000 €); e a terceira, os servizos que serán facturados directamente aos enfermos/as e acompañantes, como aparcamento, cafetería, WIFI etc, e que se estiman en 20.927.540 €; para chegar ao total previsto: 1.414.067.091€ IVE incluído.

A realidade da área sanitaria é ben distinta da prevista inicialmente: o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e o Nicolás Peña a 68, polo que dispoñemos de 1.260 camas, é dicir 744 camas menos das prometidas e anunciadas.

O Chuvi deixou de ser centro de referencia para a Área Norte de Pontevedra en importantes servizos: Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Cirurxía Plástica, Cirurxía pediátrica, cardioloxía intervencionista (unidades de hemodinámica) e Cirurxía Cardíaca. A referencia destes servizos están agora no Complexo Hospitalario de Santiago. Povisa mantén o concerto con poboación asignada e continúa a ser a referencia de Cirurxía Maxilofacial, Nervio Periférico e Queimados.

O novo hospital non terá Laboratorio Central que se substitúe por un laboratorio de resposta rápida, o que supón unha redución de espazo de 7. 242 m2 a 3.739 m2. O laboratorio Central trasládase ao Meixoeiro onde non hai espazo nin medios para albergar un Laboratorio destas características, co que é preciso facer obras que atrasan a súa posta en marcha e o fragmenta en diferentes plantas. Obrígase a establecer un sistema de transporte de mostras entre o Cunqueiro e o Meixoeiro co conseguinte atraso nos resultados, risco de deterioro e perda de calidade e especialización.

Recórtanse drasticamente as Área de Urxencias e Atención a Pacientes Críticos (malia a conxestión que periodicamente afecta a este servizo): A superficie redúcese un 25,5% pasando de 5.759 m2 a 4.291 m2. As 72 camas de observación previstas redúcense a 32.

Elimináronse do proxecto inicial compoñentes importantes que privan ao novo hospital do seu carácter estratéxico que o equiparaban aos Hospitais do Norte de Galiza (A Coruña e Santiago): Módulo de Docencia e Investigación, módulo de Rehabilitación, Hotel de Pacientes, 160 camas de Coidados Mínimos-Intermedios.

Suprímense tamén os dous Centros de Alta Resolución previstos no Plan Funcional no anexo I do edificio do hospital Xeral e no Morrazo.

O hospital do Meixoeiro non está a xogar o papel que tiña previsto no plan funcional inicial e a aparente falta de criterio da Xerencia está a sementar moitas dúbidas sobre o seu futuro. A súa situación actual é intolerable, coa metade das camas pechadas e co persoal movéndose polo Meixoeiro e o Cunqueiro, cubrindo baixas, vacacións ou acúmulos, mentres se derivan pacientes á sanidade privada.

Fronte a esta nova realidade, a solución non é retomar a estrutura fragmentada e zonificada por áreas de poboación da situación anterior, pois esa foi unha das causas que nos levaron a ter un déficit tan importante en infraestruturas e recursos asistenciais, como ben evidencian as intolerables listas de espera, tanto diagnósticas como cirúrxicas, que padecemos.

A solución pasa por recuperar o hospital Álvaro Cunqueiro para ao sistema sanitario público e retomar o proxecto de Hospital Estratéxico para a Área Sur de Galiza, que devolva ao Chuvi os Servizos de Referencia trasladadas ao Complexo Hospitalario de Santiago e as especialidades que se manteñen no hospital privado Povisa, e que se recupere a capacidade do Chuvi de atender ao 100% da cidadanía co restablecemento das camas previstas no proxecto inicial.

E neste novo deseño o hospital do Meixoeiro debe manter o seu funcionamento como hospital xeral programado para diferentes especialidades, aínda que sen porta de Urxencias, recuperando as camas e os recursos recortados.

Para facer posible o proxecto estratéxico, inicialmente previsto, de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía (ao que poderíamos engadir Hematoloxía), deberiamos potenciar a actividade oncolóxica no Meixoeiro, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñible para atender estas patoloxías, convertendo ao Chuvi en referencia Oncolóxica para o sur de Galiza.

Tamén temos que situar no Meixoeiro todos os recursos de Cirurxía Programada (Maior Ambulatoria e con Ingreso) da área, aproveitado os seus quirófanos e as camas cirúrxicas (axustándoas segundo necesidades), e para que isto sexa posible é necesario abrir unha Unidade de Coidados Críticos, a pleno rendemento, en todas as quendas e co persoal e materiais suficientes e adecuados para garantir a seguridade dos pacientes.

Para a completa utilización do Meixoeiro hai que establecer criterios de ingreso para pacientes de traumatoloxía, xeriatría, medicina interna, rehabilitación, reumatoloxía, endocrinoloxía, oftalmoloxía e outros, así como consolidar a Unidade de Coidados Paliativos (co 100% das camas situadas en habitacións individuais), co obxectivo de manter 422 camas activas. Esta especialización determina a necesidade de manter unidades de diagnóstico por imaxe e laboratorio.

A plena utilización do hospital do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da área sanitaria viguesa.