A CIG-Saúde Compostela denuncia o bloqueo da mobilidade interna no CHUS

Hai máis de catro anos que non se resolve un proceso para o persoal sanitario
- 12 Xun 2026

A CIG-Saúde Compostela denuncia a paralización da mobilidade interna no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e advirte de que o persoal sanitario leva máis de catro anos sen que se resolva ningún proceso nesta materia.

A secretaria comarcal da CIG-Saúde Compostela, Ana Vilariño, recrimina que o último proceso resolto foi no ano 2022 e lembra que non foi até decembro de 2024 cando se aprobaron as novas bases reguladoras. Neste sentido, denuncia tamén o incumprimento do compromiso adquirido pola Dirección para executar o proceso antes do verán.

Desde a central sindical cualifican a xestión deste procedemento de "autoritaria e caótica" e critican que, co aval doutras organizacións sindicais, se estean a adoptar acordos en órganos que consideran non competentes para facelo. Aseguran ademais que esta situación está a provocar que persoas traballadoras con informes de saúde laboral vexan limitado o seu acceso a determinados postos de traballo, o que supón, ao seu xuízo, unha discriminación por razóns de saúde.

Categorías profesionais excluídas

A CIG-Saúde explica tamén que no mes de decembro do pasado ano se resolveu o proceso de mobilidade correspondente ao persoal de xestión e servizos, un colectivo que levaba tres anos agardando pola súa execución. Porén, denuncian que quedaron excluídas categorías profesionais como as de mantemento.

A organización sindical critica igualmente a falta de resposta aos escritos presentados pola CIG-Saúde, tanto para solicitar información como para formular alegacións o discorrer do procedemento.

Neste contexto, a central sindical salienta que a Dirección do centro unicamente está a dilatar os prazos mentres mantén o "escurantismo" sobre os cadros de persoal, que, segundo denuncian, nin sequera foron facilitados á representación legal das persoas traballadoras pese a teren sido reclamados en reiteradas ocasións. Unha situación que, afirman, supón un incumprimento do dereito á información.

Desde a CIG-Saúde Compostela lembran ademais que os procesos de mobilidade interna no resto das áreas sanitarias da Galiza se desenvolven de maneira periódica, favorecendo a conciliación da vida laboral e persoal, así como o benestar do persoal.

Por todo isto, a CIG-Saúde Compostela anuncia que continuará denunciando esta situación e impulsando medidas de presión até que se execute este dereito con transparencia e as persoas traballadoras poidan exercer efectivamente a súa mobilidade laboral.