A CIG-Saúde convoca unha concentración no PAC de Lalín en demanda do cumprimento dos acordos

Mañá xoves, día 24 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do centro de saúde
Lalín - 23 Feb 2022

A CIG-Saúde da Área Sanitaria de Compostela vén de convocar unha concentración para mañá xoves, día 24 de febreiro, ás 17:00 horas diante do centro de saúde de Lalín. Denuncia que transcorridos 3 anos desde que se desconvocou a folga que protagonizou o persoal dos PAC durante o ano 2019, seguen sen cumprirse os acordos.

Ademais pon en cuestión as declaración do Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, “da implementación dun " reforzo" de persoal de enfermería no Pac de Ordes e extensible ao Pac de Lalín”.

Lembra que o acordo que levou á desconvocatoria de folga contemplaba a equiparación do ratio nos PAC: persoal médico = persoal de enfermería.

A CIG-Saúde de Compostela apunta que os datos que se proporcionaron do ano pasado, non poden ser valorados, xa que “estivo confinada a poboación a meirande parte do ano, co ocio nocturno pechado e demais casuísticas referentes á pandemia da Covid-19”.

Denuncia que existen notificacións de traballadores/as, sobre a asistencia a domicilios e no propio PAC, a Urxencias acaídas, cando o equipo completo está a facer un traslado ou atendendo unha urxencia fóra do pac, encontrándose o persoal en situación de indefensión ante a urxencia ao faltar un membro do equipo: a/o enfermeira/o.

Considera ademais que a proposta que se pon enriba da mesa, non é máis ca un parche sen xeito, e sen dar resposta ás necesidades reais dos 2 PAC ( Ordes e Lalín ) como así o demostran os datos do 2019, ano prepandémico.

Entende que calquera solución a este tema, non pasa máis que por cumprir o acordo asinado polo SERGAS de desconvocatoria de folga do 2019 e cubrir as necesidades reais dos PAC de Ordes e Lalín en quenda de Tarde e de Noite co persoal de enfermería que falta.