A CIG-Saúde critica que o SERGAS continúa sen abordar a crise na Atención Primaria e limítase a presentar parches

A central rexeita o documento presentado na reunión do 5 de decembro para regular a voluntariedade sen antes mellorar as condicións de traballo
Nacional - 09 Dec 2025

A CIG-Saúde rexeita o documento presentado na reunión da Mesa Sectorial do pasado 5 de decembro para regular a voluntariedade, ao entender que a Consellaría de Sanidade continúa sen abordar de maneira profunda a crise na Atención Primaria e se dedica a aplicar simples parches que non achegan solucións reais.

Para a CIG-Saúde antes de estabelecer calquera regulación sobre a voluntariedade resulta imprescindíbel garantir unhas condicións laborais dignas. “Sen isto, advirten, non haberá persoal disposto a asumir voluntariedade”. Ademais, a central nacionalista defende que debe quedar recollido que a voluntariedade constitúe a última opción, sempre despois de esgotar as listas de contratación e cando as prazas estruturais non se cubran. Porén, no borrador entregado inclúese ao persoal de enfermaría “nunha situación que non se corresponde coa súa realidade de dispoñibilidade”.

Cómpre un plan de ordenación xa

No caso do PAC, a CIG-Saúde incide en que cómpre resolver de inmediato o problema do cómputo de xornada. “Levamos anos denunciando que se está a recortar tempo laboral ao persoal deste ámbito e non é aceptábel que ao gozar dun permiso ou estar de baixa por IT se deba xornada”. A CIG-Saúde solicita a elaboración dun plan de ordenación que teña en conta o criterio dun máximo de 30 atencións urxentes por quenda e equipo para dimensionar axeitadamente os equipos dos PAC.

Na atención ordinaria, destacan que o persoal sofre axendas interminábeis, tendo que prolongar a súa xornada moitas veces máis alá do horario laboral. “É necesario un plan de ordenación realista: analizar cargas de traballo definindo axendas de máximo 28 consultas, definir necesidades, etc. E hai que revisar as carteiras de servizo de todas as categorías, incorporar os recursos necesarios e eliminar burocracia innecesaria. Só así mellorará a carga laboral”, valora a CIG-Saúde.

Consideran que con esta proposta o SERGAS “comeza a casa polo tellado”, posto que primeiro se deben identificar as necesidades reais e aplicar solucións urxentes.

Desacordo no procedemento

Os puntos de desacordo tamén se dan sobre o procedemento, nos seguintes aspectos:

  • O persoal con nomeamento de substitución tería que asumir a atención continuada que elixa o titular da praza. A voluntariedade debe ser sempre voluntaria.
  • A voluntariedade proposta non é equitativa para o persoal médico de atención ordinaria e de PAC, xa que se ofertan incentivos económicos e doutro tipo só para o persoal de ordinaria e non para todo o persoal. Ademais, non se entende por que os tramos son distintos para atención ordinaria e PAC; cando deberían aplicarse os mesmos criterios. A CIG-Saúde manifesta que os incentivos e os tramos deben ser negociados e aplicados a todo o persoal, sen discriminacións.
  • A central sindical tamén rexeita a puntuación adicional, considerando inxusto que para acceder a unha praza fixa conte a realización de xornada complementaria.
  • O documento inclúe cuestións alleas á voluntariedade, como regulación dos plans funcionais de PAC ou a situación dos sábados pola mañá, que non deben regularse neste texto.
  • Estabelécese un tratamento desigual dos sábados pola mañá segundo sexa persoal de PAC ou de atención ordinaria.

Estas e outras cuestións “evidencian que CIG-Saúde non pode aceptar este borrador” e reclama que se aprace a regulación da voluntariedade até mellorar as condicións de traballo de todo o persoal de Atención Primaria, que se estabelezan criterios baseados na equidade e que se conte, en primeiro lugar, co persoal dispoñíbel nas listas de contratación.