
A CIG-Saúde demanda da consellaría de Sanidade a publicación de todos os peches de camas previstos para este verán
Advirte que esta decisión provoca o desmantelamento da sanidade pública e favorece a privada
Compostela -
Os grandes complexos hospitalarios pecharán durante este período máis de 200 camas cada un. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde salienta o caso da area sanitaria de Vigo, que “con todos os problemas que está a padecer, é unha das máis afectadas, xa que ademais de camas pechará tamén unidades de quirófanos”.
Para a CIG-Saúde este peche de camas non se corresponde co anuncio feito polo presidente da Xunta dese plan de choque de cinco millóns de euros que se destinarían a reducir as listas de agarda, nas que están máis de 34.000 doentes. Unha redución que se faría, en parte dos casos, atendendo ás/aos doentes en centros concertados.
Este anuncio de redución das listas de espera é, para Abuín, “unha medida propagandística do PP en período pre-electoral que non se corresponde coa realidade e mesmo se contradí xa que mentres anuncia ese plan, pecha dispositivos sanitarios que impiden o seu cumprimento”.
A secretaria nacional da CIG-Saúde considera moi grave para sanidade pública galega esta decisión “máxime cando dos propios datos que dan a final de ano tírase que, tras este peche de camas, unidades, servizos de probas diagnósticas, consultas e demais, as listas de agarda se incrementan no último trimestre do ano”.
Abuín advirte que o peche de camas e servizos na sanidade pública “favorece que estes cartos –se é certo que se vai destinar a gasto sanitario para redución de listas de agarda- sería en centros concertados, xa que o peche patronal da sanidade pública decretado polo PP impide manter actividade diaria normal e menos incrementala”.
Xunto a isto sinala que o peche de camas durante o verán provoca un incremento do desemprego sanitario, xa que “o persoal fixo só dispón dun mes de vacacións e o resto do tempo dedícase a facer a cobertura do resto de compañeiros/as durante as súas vacacións”.
A CIG-Saúde insire esta política de peche sistemático de camas, unidades e probas diagnósticas durante o verán na política de privatización e desmantelamento da sanidade pública á que vimos asistindo durante estes últimos anos.